Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Co apoio explícito da UE

A declaración de independencia de Cosova, 'na porta ínfera'

A decisión unilateral da actual provincia podería chegar en menos de medio ano, logo de rematar o prazo dado pola ONU para chegaren a un acordo as partes.

Redacción - 12:50 10/12/2007

O reloxo botou a andar este luns cara a unha probábel declaración de independencia por parte de Cosova, unha vez finalizou este mesmo 10 de decembro o prazo dado pola ONU ao grupo mediador (UE, EUA e Rusia) para conseguir que Serbia e a provincia arredista chegasen a un acordo.

Neste senso, o voceiro do goberno cosovar, Skender Hyseni, asegurou que a provincia proclamará a independencia "moito antes de maio". Posibelmente, podería ter lugar tras as presidenciais serbias -en xaneiro ou en febreiro-, debido ao interese europeo de que a hipotética secesión afecte o menos posíbel a estes comicios.

O secretario xeral de Nacións Unidas, Ban Ki-Moon, recibiu o pasado venres as conclusións da troika de mediadores, onde se recoñecía a incapacidade de obter un compromiso durante os últimos catro meses para decidir se Cosova debería ser independente ou soamente unha comunidade autónoma.

Veto ruso

Namentres Estados Unidos -que busca mellorar a súa imaxe no mundo musulmán- e a Unión Europea son moderadamente favorábeis a recoñeceren unha Cosova independente (suficiente de abondo para os poderes cosovares, segundo afirmaron os seus representantes), Serbia ampárase no seu maior e máis antigo aliado, Rusia, que ten a potestade de veto no Consello de Seguridade da ONU.

No entanto, segundo afirmou este mesmo luns o ministro sueco de Exteriores, Carl Bildt, todos os países da Unión Europea agás un (aparentemente Chipre), 26 de 27, aceptarían a independencia cosovar sen necesidade de que haxa unha resolución de Nación Unidas.

A vía: Resolución 1.244 do Consello de Seguridade
A idea é que, se Rusia non muda o seu parecer, o status de Cosova será definido en función das resolucións do Consello de Seguridade existentes. En concreto da número 1.244, de 1999, que estabeleceu a presencia internacional tras o bombardeo da OTAN naquel ano. Aínda que Serbia e Rusia discrepan, o bloque occidental afirma que non hai nada nesta que prohiba a independencia.

Ademais, coa 1.244, paradoxalmente a ONU ficaría fóra do poder de decisión. Sería a UE a encargada de xestionar a Seguridade e a Xustiza da zona e designaría un supervisor civil; 16.000 efectivos da OTAN continuarían en Cosova, e esta declararía a independencia, que sería recoñecida por aqueles países que así o quixesen.


1/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: