Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Tras tres días de negociacións

Sen acordo entre cosovares e serbios sobre o estatuto de Cosova

O grupo de mediadores formado por Rusia, UE e EUA ten de prazo até o 10 de decembro para entregarlle a ONU un informe sobre a situación.

Redacción - 12:40 28/11/2007
Hachim Thaçi e Fatmir Sedjiu, este mércores

Hachim Thaçi e Fatmir Sedjiu, este mércores

Segundo anunciou este mércores o presidente de Cosova, Fatmir Sejdiu, serbios e cosovares non chegaron a ningún acordo sobre o estatuto da actual provincia de Serbia, durante os tres días de negociacións que tiveron lugar en en Baden (Austria), e consideradas como a derradeira oportunidade para o entendemento.

"Lamento dicir que non houbo acordo con Serbia", declarou Sejdiu ante a prensa ao termo dunha última rolda de encontros, que comezaron o pasado luns a porta pechada. "A independencia é o principio e o fin para o pobo de Cosova", afirmou Sejdiu. "Non podemos dicir o momento nin a data exacta" desta, "mais se fará moi rapidamente", asegurou.

Serbia promete non usar a violencia
Pola súa banda, o presidente serbio, Boris Tadic, anunciou que o seu país anulará toda decisión das autoridades cosovares sobre unha hipotética independencia de Cosova. "Utilizaremos todas as medidas legais e diplomáticas", engadiu Tadic, á vez que prometía non recorrer á violencia.

O presidente serbio subliñou que actualmente só recoñecen a lexitimidade da última resolución do Consello de Seguridade da ONU sobre Cosova, a 1.244, adoptada en 1999 e que estabelece a integridade territorial de Serbia e a súa soberanía sobre a provincia.

"O noso desexo é o de construír un Estado democrático" que respecte "os valores europeos máis elevados", -afirmou pola súa banda Sejdiu. "Todos os cidadáns serán iguais e dedicarase especial atención ás minorías", precisou, en referencia ao 10% de serbios que viven en Cosova, dunha poboación de 2 millóns de habitantes, na súa gran maioría albaneses.

Respecto ao calendario
Tamén o futuro primeiro ministro cosovar, Hashim Thaçi, líder do Partido Democrático de Cosova (PDK), vencedor das eleccións do 17 de novembro, lamentou "que os serbios non logren chegar a unha solución".

"As negociacións terminan hoxe (mércores) e imos respectar o calendario até o 10 de decembro", engadiu. A ONU fixou esa data para finalizar as negociacións e que o grupo de mediadores formado por Rusia, EUA e UE redactase o seu informe.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: