A reunión de Bruxelas péchase sen resultados. Viena será escenario da próxima xuntanza.
O presidente de Cosova, Fatmir Seidiu, o primeiro ministro, Agim Ceku, e o ministro de Exteriores de Serbia, Vuk Jeremic, protagonizaron de xeito directo as conversas sobre o futuro de Cosova realizadas en Bruxelas. A xuntanza foi promovida e asesorada por representantes da Unión Europea, de Estados Unidos e de Rusia. O obxectivo é que se produzan avances significativos antes do próximo 10 de decembro, data para a que se fixou reunión co secretario xeral das Nacións Unidas, Ban Ki-Moon, para informarlle sobre o acordado.
"Agardamos que a xuntanza non se cinga a sentarse e perder o tempo", afirmou Wolfgang Ischinger, enviado especial da UE para Cosova, preguntado pola complicada posición desde a que se inician estas conversas. Ischinger recoñeceu as dificultades para que a curto prazo apareza algún resultado esperanzador, pero indicou que mesmo a constatación mutua entre as dúas partes de que "están moi afastados e deben cubrir unha distancia ben grande", sería xa un comezo prometedor.
Viena será escenario doutra reunión a semana que vén. As posicións seguen inamovíbeis: Cosova aspira á independencia plena e convida a cambio a unha ambiciosa proposta de cooperación e amizade. Pola contra, Serbia só está disposta a ofrecer un plan de autonomía ampla para Cosova sempre e cando esta quede baixo soberanía serbia.