Os cosovares participarán nas primeiras eleccións directas autónomas da súa historia para designar os membros da asemblea e os alcaldes.
O AKR pode ser decisivo na formación do goberno
Os cosovares participan este sábado nas primeiras eleccións directas autónomas da súa historia para designar os membros da asemblea e os alcaldes. Tras unha intensiva campaña electoral de tres semanas de duración, as previsións indican que ningún partido acadará o 35% dos votos.
Isto supón que o novo executivo podería terse que formar mediante unha coalición entre os até a data irreconciliábeis Liga Democrática de Cosova (LDK) e Partido Democrático de Cosova (PDK), o que fai pouco probábel unha constitución deste antes do 10 de decembro.
Esta é a data en que se cumpre o prazo para que Estados Unidos, Rusia e a UE presente o seu informe final sobre as conversacións entre Belgrado e Pristina sobre o estatuto final da provincia.
Sondaxes
Nas eleccións de 2004, a LDK obtivo o 45,5% dos votos, o que lle permitiu formar goberno en coalición coa Alianza para o Futuro de Cosova (AAK), de Ramush Haradinaj, quen foi nomeado primeiro ministro.
A asemblea cosovar conta con 120 escanos, 20 dos cal están reservados ás minorías étnicas. Dez asentos corresponden aos serbios e os outros dez repártense entre o resto de comunidades non albanesas. Para a formación dun goberno requírese o apoio da maioría absoluta, 61 escanos.
As sondaxes indican que a LDK vai perder boa parte dos seus escanos no parlamento, e que parte dos seus votantes apoiará á Alianza pola Novo Cosova (AKR), liderada polo polémico empresario Behgjet Pacolli.