Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O goberno oponse á independencia da rexión

Serbia: denantes fóra da UE que perder Cosova

"Non existe ningún exemplo na historia europea dun Estado que ceda o 15% do seu territorio a cambio de concesións de ningún tipo", sinala Kostunica.

Redacción - 11:15 20/05/2007

"Serbia non renunciará endexamais á súa soberanía sobre Cosova malia que iso signifique non podermos entrar na Unión Europea", declarou este sábado o primeiro ministro serbio, Vojislav Kostunica, segundo recolle este domingo o xornal español El País, facéndose eco dunha información da axencia de noticias AFP.

Kostunica, un nacionalista moderado que goberna en coalición cos socialdemócratas, sinalou nunha entrevista que "o goberno está unido e mantense firme sobre o feito de que non aceptará perder Cosova a cambio da súa integración na Unión Europea".

O primeiro ministro, que acaba de renovar o seu mandato logo dunhas longas negociacións co partido do presidente europeísta Boris Tadic, afirmou que "non existe ningún exemplo na historia europea dun Estado que ceda o 15% do seu territorio a cambio de concesións de ningún tipo".

Baixo mandato da ONU dende 1999
Cosova, unha provincia serbia de maioría albanesa que se atopa baixo o mandato de Nacións Unidas desde 1999, está a piques de se converterse nun Estado independente, mais baixo supervisión da Unión Europea.

A inmensa maioría dos partidos políticos serbios están en contra de ceder un territorio que consideran o berce da súa relixión e da súa cultura, malia que os serbios apenas representen actualmente o 10% da poboación.

O Consello de Seguridade da ONU pode pronunciarse nas próximas semanas sobre a independencia condicionada de Cosova; Rusia xa anunciou que vetará a proposta. O primeiro ministro cosovar, Agim Ceku, manifestou que o seu goberno non declarará a independencia unilateral no caso de que se produza o anunciado veto ruso.

Pola súa banda, a política da UE basease en ofrecerlle a Serbia negociar a súa adhesión á Unión, a cambio de renunciar a Cosova.


3,5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: