Estamos a vivir as xornadas postremas da primeira lexislatura do bipartito. Mudaron tanto as cousas? Liberarse de dezaseis anos de fraguismo político e sociolóxico era unha necesidade perentoria. As bafaradas de ar fresco que entraron pola xanela institucional supuxeron un pulo máis que considerábel á vida política do país. Con todo, tampouco hai unha sensación de transformación profunda, máis ben de cambio tranquilo e sen estridencias. É isto bo ou malo?
Nin unha cousa nin outra; é o que dou de si o país hai case que catro anos. Quizá o BNG quixera ir máis lonxe con certas cuestións (e non só identitarias, coidadiño), peor o apoio electoral obtido non lle permitiu tirar máis da corda. Probabelmente ao PSdeG lle gustaría ter prescindido máis do BNG e acabar fagocitando unha boa parte do electorado dos seus compañeiros de viaxe, pero estes demostraron ter aprendido da súa experiencia de co-goberno municipal, e o seu modesto papel no Parlamento español tamén lles permitiu sacarlle as cores aos compañeiros (amiguiños si, pero a vaquiña polo que vale) de gabinete. Por suposto, de seguro que o PPdeG desexaría non ter que andar proclamando polo deserto un novo concepto político de máxima vangarda: o da maioría absoluta menos un deputado.
Voltando aos compañeiros de goberno, como vai o PSdeG quererse facer con parte do electorado nacionalista ao mesmo tempo que emprega todos os seus resortes de poder para acalar reivindicacións como a revitalización dos terreos ociosos de Astano, ou a demanda da apertura ao tráfico comercial do dique norte de Alcoa, por poñer dous exemplos? Unha vez que, polos motivos que for, se acaba facendo caso a esas reivindicacións é moi difícil cobrar protagonismo na súa posta en marcha, incluso despois de telas prometido un mesmo (Pepe Blanco, no 2003 en San Cibrao). Porén, aí vemos ao PPdeG da Mariña no seu triste empeño por quere facer crer que só el se preocupa pola apertura do dique norte e que o BNG, presa dos compromisos co PSOE, non se atreve a demandar esta infraestrutura básica para o norte de Lugo. U-lo PSdeG neste tema?
Con respecto aos terreos ociosos de Astano, quedou tan só o BNG reclamando a súa reactivación que, agora que en tempos de crise se contempla esa posibilidade, vai ser ben difícil disimular o mérito de dita organización nese seu empeño por relanzar a actividade dos estaleiros ferroláns. U-lo PSdeG? De novo van xogar a baza da foto mediática de Zapatero e cía? Dita fotografía resultará eficaz para fortalecer o seu electorado fiel mais, axudará a rabuñar votos do caladoiro nacionalista despois do traballo feito polo BNG nese tema?
Tamén en Medio Ambiente nos atopamos con situacións curiosas. Por moito que Pachi Vázquez queira facer valer o seu esforzo, que o hai, como vai o PSdeG disimular o papel reaccionario de determinados alcaldes atacando abertamente as propostas de Teresa Táboas en materia de vivenda e solo? Se unha sensación quedou clara nesta lexislatura é que quen se atreveu a facerlle fronte aos intereses especulativos do ladrillo esa foi a conselleira Táboas. E, máis unha vez, no seu interese por afondar nas diferenzas entre os socios do bipartito, o PPdeG deixou que certos líderes locais do PSdeG capitanearan a oposición ao labor do BNG neste tema. Non semella que os socialistas intentaran evitar dito protagonismo local socialista.
Ben que tardou o señor Touriño en recoñecer como labor de todo o Goberno a acción da Consellaría de Industria. Nunha cousa si que foi hábil o PSdeG: xerar a sensación de que Cidade da Cultura haina porque o BNG quere. Mais, en conxunto, e con respecto á pretendida absorción política dunha boa parte do electorado do BNG, as contradicións nas que se viu inmerso o PSdeG non lle van permitir ter moita influencia nese caladoiro. Os descontentos coa Cidade da Cultura non van ir parar ao PSdeG, nin tampouco os derivados das concesións eólicas no que a preocupación medioambiental se refire.
Naceu en 1966. Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor no IES Marqués de Casariego, na localidade asturiana de Tapia de Casarego. Publicou a novela "O bosque de Nadgor"(2007). »