Nos últimos tempos, cando o señor Touriño se achegaba ata Ribadeo, ben para abordar cumios galego-asturianos, ou mesmo para tratar cuestións especificamente galegas, empregaba a denominación “ría del Eo”. É de supoñer que por unha mal entendida “deferencia” cara ao seu “mestre” (unha sorte de subliminal complexo de Edipo político?). Mesmo chegou a provocar a queixa formal dos seus compañeiros de partido na vila ribadense e forzou a Balbino Pérez Vacas (agora secretario xeral do PSdeG-PSOE de Ribadeo) a reivindicar o uso da denominación oficial da ría por parte do noso presidente.
Que lonxe semellan esas verbas idílicas que enchían de orgullo ao seu homólogo asturiano! Mesmo a prensa astur empregaba como argumento a favor da denominación deturpada que do lado galego ata o seu presidente a empregaba. E disposto a sostenella e no enmendalla aínda San Pedro-Touriño volveu negar ata dúas veces máis (ou outras tantas de tantas, xa perdemos a conta) o nome da ría de Ribadeo. Os socialistas ribadenses non daban creto.
Mais a vaquiña polo que val, miñas amigas e amigos. Non é o mesmo ir á feira comer o polbo que vender un xato. Cando vas de festa sobran gabanzas para o veciño ou quen for preciso. Pero cando queres facer negocio, algo terán os xatos dos demais que nunca serán tan bos coma os teus. Á hora da troula ata admites “bos consellos” para mellorar a túa tenza; porén, cando manda o carto, petas na mesa bruscamente e sácaslle as cores ao de enfronte e logo lle botas en cara que ten os zocos cheos de esterco.
A nena bonita desta feira chámase Ence-Navia. Os vaqueiros Touriño e Areces, ata agora amigos inseparábeis, ven como os seus “fillos” respectivos comezan a botarse os trastes á cabeza e perder os papeis. Do lado do goberno asturiano, a conselleira de Medio Ambiente di ter falado co seu homólogo galego e que este lle garantiu que nada malo ía pasar, que a nave flotante de Mirasol non se vai construír. Mais, demo de TICs, unha simple chamada telefónica ao presidente de Portos de Galiza permite comprobar que de renuncia ao proxecto nada. Oi, que cachada! E que despiste: equivocarse de consellaría!
Non contentos co descoido, segue o barullo. Non se trata de que a Xunta renuncie á nave. É que non lle deixa construíla o Concello. Ademais, por suposto que Medio Ambiente (de Galiza) quere preservar a ría, pero non pode dicir nin xo nin arre sobre algo que non existe (ao mellor é froito do noso onanismo mental, señor Vázquez), pois non consta oficialmente ningún proxecto. Debe ser que a corporación local ribadense en pleno loita contra muíños xigantes que son froito da súa imaxinación. O encontro entre o presidente de Portos de Galiza cos edís locais e algunhas asociacións da zona debeu versar sobre... literatura fantástica.
Para adobar mellor o entremés, a señora Caride danos unha lección maxistral de paisaxismo e conservación da natureza. Esa suposta nave, que dis que non existe, nin sequera como proxecto, non tería ningún impacto medioambiental, se acaso visual. Un “Oh!” a xeito de coro fai tremer as aulas de arquitectura na Zapateira. O concepto de ecosistema nada ten que ver co de paisaxe, nin tampouco co de patrimonio: compartimentos estanco. E tanto. Mirade vós que o chanzo máis débil da cadea, a alcaldía de Ribadeo, acaba levando todas as culpas da non construción dunha nave que non existe. SuperFernando en acción! Probe Xunta de Galiza apoucada polo poder local.
Rían o que queiran, mais a imaxe de fondo que se está a recrear por parte da prensa asturiana é esta. E tampouco sae ben parado o señor Areces. Mesmo este venres (30-5-08) tivo que saír á palestra amosando o seu enfado. E, iso si, non hai mellor defensa ca un bo ataque (por aparente que este sexa): eles seguirán a chamarlle “ría del Eo” por moito que en Galiza a queiramos denominar doutro xeito. Pero non estabamos a falar da construción dunha nave flotante en Mirasol? Nave? Que nave?
Naceu en 1966. Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor no IES Marqués de Casariego, na localidade asturiana de Tapia de Casarego. Publicou a novela "O bosque de Nadgor"(2007). »