Con moi boas palabras, pouco mollarse, e unha vez perdido de vista, navallada traizoeira ás expectativas do sector, o señor Feijoo unha vez máis sacouse a carauta. Pouco importa que o grupo de vinte e catro cooperativas liderado por Feiraco, e no que tamén están presentes Os Irmandiños, presentaran un proxecto sólido, con experiencia empresarial e cunha capacidade de produción duns 500 millóns de litros de leite diarios.
Porén, preferiuse a opción da sociedade creada o día antes da sinatura do acordo, Alimentos Lácteos S.A., que tan só pode aportar 150.000 litros ao día e unha escasa, por non dicir nula, experiencia empresarial. Pero o señor Feijoo teno claro: como o do nome das vacas.
De seguro algúns pensarán que, ao se tratar dun grupo galego, pouco se poderá dicir ao respecto. Non sabemos se pouco, pero desde logo si algo, e moi clariño. Alimentos Lácteos S.A. está integrada polas cooperativas La Arzuana, Gancobre, Perpetuo Socorro, Mopán e Tierra Llana. Todas elas son cooperativas nas que xogan un papel destacado na súa xestión persoas claramente, se non directamente, vinculadas ao PP. Na opción liderada por Feiraco, ata vinte e catro cooperativas, está representada a diversidade do agro galego, do país no seu conxunto. Polo tanto, é moito máis plural.
Mais aínda así, non inhabilita esa opción claramente partidaria á alternativa gañadora nesta poxa empresarial (aínda que a identifica rotundamente). O peor é o punto de partida. Non tendo capacidade para poñer a pleno rendemento a planta de Pascual, vai ter que acudir (xa o dixo pouco menos que ao día seguinte) a outros proveedores (non só de leite, tamén de experiencia). E mentres, o IGADI a regar de millóns unha oferta que semella vai ter como convidado especial a quen desde un principio lle facía as beiras á noiva (planta de Pascual en Outeiro de Rei) desta historia: Nueva Rumasa.
Oxalá me equivoque, pero isto ole (mellor dito, cheira) a operación empresarial especulativa coa que se facer con grandes sumas de diñeiro en forma de avais e subvencións e dar, de novo, unha grande navallada á constitución dun grupo lácteo galego, levando concienciudamente á creba a empresa que agora poñen en marcha. E isto non é a primeira vez que ocorre. Polo ben dos milleiros de produtores que fornecen de materia prima ás cinco cooperativas que integran Alimentos Lácteos S.A., polo ben tamén dos traballadores e traballadoras da planta de Pascual en Outeiro de Rei, oxalá me equivoque.
Naceu en 1966. Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor no IES Marqués de Casariego, na localidade asturiana de Tapia de Casarego. Publicou a novela "O bosque de Nadgor"(2007). »