Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Farruco Graña

Harakiri político

12:02 16/11/2009

Gañou o PP as eleccións do 1M grazas ao seu cambio de rumbo na cuestión lingüística? Hai quen nos quere mostrar que si moi comenenciudamente. Se logran facérnolo crer obviamente tamén nos quererán facer comulgar co da imposición do galego sobre o castelán e a necesidade de protexer a este último fronte a aquel.

Como calquera outro acontecemento social, a explicación que deamos ao ocorrido o 1M ha ser necesariamente complexa. Falta de reflexos por parte de Touriño; un BNG que confundía destacar o seu traballo feito con aparentar un goberno bis; exceso de confianza crendo que o voto tradicional do PP érao só polo poder, e non tamén pola ideoloxía; unha campaña mediática e mesquiña como nunca… Análises hai abondosas na prensa especializada e tamén nos blogs e prensa alternativa aos grandes grupos mediáticos. A quen non lle veu a vertixe tras a entrevista de Carlos Luis Rodríguez a Carlos Callón?

Despois de todo o escrito sobre a suposta imposición do galego, amplos sectores da nosa sociedade e de cores políticas diferentes están a negar tal imposición. O idioma que realmente corre perigo é o noso. Na súa defensa ten saído unha enorme marea viva tanto o 17 de maio como o 18 de outubro. Paseniñamente vaise comprobando que a verdadeira minoría é de aquelas elites sociais, empresariais e políticas que andan á procura da deconstrución da historia e da cultura do país. Incomprensibelmente, o PP estase a deixar enlear polas xentes de GB. Persoas como Carlos Negreira ou Rafael Louzán (entre outros) estarán na súa salsa. Mais non se acaba de ver a moitos dirixentes comarcais, a alcaldes como Xosé Crespo Iglesias ou a líderes provinciais como o Sr. Barreiro ou o Sr. Baltar deixándose engaiolar polas teses bífidas de GB. Outro conto é que calen e aren.

Tras seis meses de goberno Feijoo vaise xerando no ambiente a sensación clara dun gabinete amigo dos seus (máis que poderosos) amigos (tanto mediáticos como empresariais), pero tamén a dun goberno soberbio e prepotente con todo aquilo que soe a galego e a empresariado autóctono. A inmensa chapuza da derrogación do decreto eólico ben o pon de manifesto. Tamén o desleixo con que se trata ao mundo da cultura (ata un 2% do PIB e uns 25000 postos de traballo). Así mesmo, podémolo comprobar coa que semella eterna aspiración de constitución dun grupo lácteo galego. Cando se podería aproveitar a ocasión e apoiar ás cooperativas galegas nucleadas en torno a Feiraco e Os Irmandiños para facerse coa planta de produción de Pascual en Outeiro de Rei, é mellor mirar cara á Nueva Rumasa. Como no caso do vento, como cando a industria cultural galega: é mellor mirar cara a fóra. Como no tema da lingua.

Tamén Aznar pousaba fachendosamente as súas botas sobre a mesa de G. W. Bush. E celebraba por todo o alto a voda da súa filla. E torturaba a verdade con prepotencia absoluta cando o do Prestige ou o 11M. Ao longo da semana seguinte ao 14M do 2004 moitos alcaldes e alcaldables do PP laiábanse de tanta prepotencia bélica e mediática. Serán quen de aprender a lección no PPdeG ou vincularán todos eles, ao xeito dun harakiri político, o seu futuro para maior gloria de Carlos Negreira (e Millán Astray) ou de Corina Porro e Rafael Louzán?

4,65/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Farruco Graña

Naceu en 1966. Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor no IES Marqués de Casariego, na localidade asturiana de Tapia de Casarego. Publicou a novela "O bosque de Nadgor"(2007). »



Anteriores...