Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Farruco Graña

Novo informe (?), vellos tópicos

18:20 27/09/2007

De novo viu a luz un informe sobre o “oeste del río Navia”. Máis unha vez, como non, as pretensións anexionistas do nacionalismo galego son usadas xa non como ariete contra outros (PP ou PSOE), senón como coartada que dalgún xeito permite explicar desde unha perspectiva centrípeta asturiana a situación de abandono do Eo-Navia.

En realidade trátase dun apartado do estudo realizado polo Consello Económico e Social de Asturies titulado “Población, administración y territorio en Asturias” (en concreto, o Cap. 6, Las relaciones de dependencia en los límites regionales: la influencia gallega al Oeste del río Navia). Non aporta nada novo con respecto a “El efecto frontera”. Se a caso, é un excelente resume do mesmo. Onde si hai novidade é nas conclusións que se tiran para o Eo-Navia.

Recoñécese a permeabilidade das alas e destácase a penetración da influencia galega ata o mesmísimo río Navia. E postos a sinalar co dedo, Ribadeo é o principal responsábel, aínda que as outras vilas mariñáns botan unha man co seu crecemento económico. Cómpre, segundo os autores do estudo, neutralizar a desvantaxe existente coa Galiza potenciando un núcleo urbano do lado asturiano. Recoñécese que rivalidades locais (como a de Navia e Luarca) non axudan nesa “necesaria” aposta estratéxica. Polo que se refire á zona oriental, non ven problema. Madía leva! A Europa había que ir por algún lado! Mesmo albiscan unha posíbel influenza no Occidente e suroccidente cántabros. Iso non é expansionismo; é libre mercado. Se se fai desde o lado galego, ai entón si.
Paga a pena destacar en dito estudo o rexeitamento de políticas levadas a cabo na Mariña lucense polo deterioro do territorio que están a comportar. Non deixa de ser paradoxal que desde Ribadeo gocemos das vistas de Castropol e porén desde o outro lado da ría se teñan que conformar con cálitros e formigón. Mais non se trata só de paisaxe. As diferenzas existentes entre dúas dinámicas económicas e sociopolíticas (en converxencia por estancamento dunha e forte dinamismo da outra) son evidentes.


INDICADOR EO-NAVIA A MARIÑA
Evolución demográfica (1994-2004 -11,27% -1,86 (*)
Total poboación 48183 52576
Menores de 16 anos 4846 5372
Poboación de 16 a 65 anos 30593 34196
Maiores de 65 anos 12744 (26,44 do total) 13008 (24,74 do total)
Saldo vexetativo -1% -0,6%
Atracción poboación inmigrante (1996) 118 434
Atracción poboación inmigrante (2005) 532 1328
Crecemento renda familiar media disponíbel nos últimos 8 anos 40% 82% (**)
Taxa desemprego 10% 8%
Ocupación feminina 34,6% 44%
Ocupación sector primario 31% 20,7%
Ocupación Industria 13,7% 18,5%
Ocupación Construción 10% 12%
Ocupación Sector servizos 45% 48,7%
Número de empresas (2004) 4923 4019 (***)
(*) Ribadeo: 3,33%; Burela: 0,75%; Foz: 0,4%)
(**) Non esquecer que, aínda así, é maior no Eo-Navia.
(***) O tamaño das mesmas é maior na Mariña.

Para rachar con este desequilibrio propóñense varias medidas sectoriais, todas elas conducentes a potenciar os distintos subsectores económicos coa fin de prestar un forte apoio institucional (ao igual que na Galiza) ao tecido empresarial conducente a un crecemento estruturado de sectores como o forestal, as industrias ligadas ao mar, a construción e o turismo, baseado nos recursos endóxenos disponíbeis.

Que escura man impediu facer todo isto ata o de agora? Acaso o nacionalismo galego? Quizá para evitar que os mariñáns nos desprazaramos en bloque ao lado asturiano ou que mesmo funcionarios da Xunta destinados na Mariña se instalaran en Navia ou Luarca? Os datos son contundentes. O que aconteceu ata o de agora, e de momento así seguen as cousas, é que a planificación económica asturiana, moi baseada no triángulo Avilés-Uviéu-Xixón, con prolongación ás cuncas mineiras centrais (e ao leste en menor medida), tivo esquecido ao Eo-Navia. Mesmo os dirixentes locais (políticos, económicos e sociais) semellaban perder a memoria ao cruzaren o río Navia camiño da “Capital”.

Toca que o Eo-Navia se pense a si mesmo de maneira autocentrada e se deixe de ceder a provocacións esóxenas (por moito que veñan do corazón mesmo de Asturies) que só obedecen a criterios empresariais particulares. A aposta por un desenvolvemento endóxeno e autocentrado (por suposto con vocación de proxección cara ao exterior, tanto ao lado galego como á propia Asturies) require de sensatez. Mentres que as ideas que bulen cheas de rabia e impotencia ao contemplar o declive eonaviego se centren no “expansionismo galego” non atoparán a solución aos seus problemas. Tan só se consolarán como carpideiras no velorio que, de xeito moi barroco, evocan mil e unha imaxes ocorrentes (a cada cal máis disparatada) para enviar por SMS.

4,43/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Farruco Graña

Naceu en 1966. Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor no IES Marqués de Casariego, na localidade asturiana de Tapia de Casarego. Publicou a novela "O bosque de Nadgor"(2007). »



Anteriores...