Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Farruco Graña

Feirón literario en Carballo

17:52 20/08/2008

A tradición das feiras polo noso país é milenaria. No Concello de Carballo podemos constatar a súa existencia hai máis de trescentos anos (concretamente na Feira de Berdillo). A mediados do século XX concentraríanse todas na vila (non sen polémica, por certo). Por Bergantiños adoitamos clasificar os domingos do mes en Paisaco –oficialmente Paiosaco, xa o sabemos- (impares) e Carballo (pares). Agora ben, o quinto domingo de mes é Feirón. E agora, neste agosto que se nos vai ensumindo, Feirón Literario. Benvidos á Praza dos Libros.

Para dárense unha volta polas terras bergantiñás nada mellor que botar man dos textos de Xan Fernández Carrera e axudarnos das verbas de Xan Fraga Rodríguez para lembrar a historia local de Carballo e a tradición literaria desta comarca. Mais o que hoxe reclama a nosa atención é o mundo da fantasía. Traian bolsa grande, porque o mesmo acaban mercando unha brazada de nabizas, un cento de pementos (os de Carballo sonlle tan saborosos coma os de Padrón), ou pataca de Coristanco; todo iso adobiado con pan de Carballo e volumes de contos con música, libros educativos sobre a reciclaxe, sobre toponimia (para aprendermos con Fernando Cabeza Quiles de onde veñen os nomes dos lugares), sobre Galiza e construción europea (da man de Camilo Nogueira), ou por suposto de aventuras.

Non se estrañen se ven pola zona a Ada e Luz, un par de putas lesbianas, falando coa garda civil acerca de como combater o terrorismo e da necesidade de crear un grupo especializado en feministas radicais. Anden con tino cando ditas señoras se poñan a botar o meigallo polas rúas Vázquez de Parga e Camiño Novo (facendo tremer as fortunas de Méndez, Gayoso, condesa de Fenosa, Botín e cia). Iso si: moito coidadiño con aceptaren os seus servizos. Máis lles vale non facelo!

Cun pouco de sorte, se logro convencelo, o meu amigo do Courel, Antonio, hase de achegar e igual nos pode dicir como lle vai a Alberte na súa terapia rehabilitadora; como lle vai a el e tamén a Raúl, que se vía un tanto agoniado pola rapaza esta... Aroa! Tamén de mozas e mozos poderemos falar cando lle tomemos un quinto Estrela (benditos europeos que non sabía pronunciar o ll!) con Andrade Figueiras e nos lembre as tardes do Pozo (no bosque do Añón) latando a Latín e a Filosofía, para despois quedar na Macías cando actuaban Os Bardos, de Ponteceso. Non se preocupen por cal prenda de vestir lles sentará mellor para a ocasión: o negro vai con todo. Tamén coas portas de Lug.

Mais coidadiño con despois coller o coche e iren ata as dunas de Razo, que igual está por alí o submarino U-49 e se ven envoltos/as na Guerra do 14. Aínda que sempre é mellor fuxir da guerra e facer o amor; o caso é dar co recuncho axeitado. E que non molesten.

Non deixen de apoiar un manifesto nada partidario que nos defende a todos e todas como galegos que somos e que nos sentimos moi orgullosos da nosa lingua. Nesta Feira de Carballo usouse, úsase e usarase por sempre. Mil feiróns máis para a nosa lingua e as nosas letras!

(PD.) Achegarse ata o Campo da Feira e ver como se venden os xatos, as vacas e os porcos é todo un poema! Fagan un anaquiño para visitar tamén a Feira do Gando e o barrio da Milagrosa.

4,26/5 (23 votos)



Farruco Graña

Naceu en 1966. Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor no IES Marqués de Casariego, na localidade asturiana de Tapia de Casarego. Publicou a novela "O bosque de Nadgor"(2007). »



Anteriores...