Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
ROTUNDO ÉXITO DA MOBILIZACIÓN CONTRA O 'DECRETAZO'

Ducias de milleiros de persoas toman Compostela para defenderen a lingua

Despois dunha xornada de folga masiva no ensino público e de ver como a capital de Galiza se colapsaba coa chegada de manifestantes nun día laborábel, o PPdeG teima en pechar os ollos e falar de "presións" contra a "maioría social".

Redacción / Fotos: Pablo García Martínez /Vídeo: Isabel G. Couso - 16:25 21/01/2010

(19.40 horas)
Os máis de 1.500 centros de ensino público non universitario que hai no país estiveron, no mellor dos casos, baixo mínimos. O seguimento da folga entre o profesorado  aproximouse ao 80% entre o profesorado (aínda que Educación a rebaixa a algo menos dun 50). Na manifestación central de Compostela, a pesar do habitual baile de cifras, ninguén discute que participaron ducias de milleiros de persoas. Unha cifra, xa de por si sorprendente, convértese en histórica se se ten en conta que o acto tiña lugar nun día laborábel.

Feijoo manifestou o seu “respecto total” ás protestas deste xoves pero tildou o paro de “nacionalista” e que fronte a isto el seguiría ser “libre e bilingüe”. O presidente sinalou que “respecto a opinión dos galegos tanto nas propostas como nas protestas preventivas” mais fronte a isto, Feijoo segue instalado no mesmo discurso ao engadir que sobre todo atende a “manifestación masiva e silenciosa” que os galegos realizaron o pasado 1 de marzo (en referencia ás eleccións).

Mais a pesar do clamor contra o decreto, o PPdeG teima en refuxiarse na soidade dos seus cuarteis de inverno. O primeiro exemplo do profundo divorcio coa rúa deuno o voceiro do PPdeG. Cando a zona vella de Compostela era un fervedoiro de xente chegada de todo o país, Antonio Rodríguez Miranda non tivo pudor en afirmar que a maioría da xente que se estaba a manifestar “ou foran presionadas polos piquetes preventivos ou estaban moi cómodas co decreto do bipartito, baseado na inmersión lingüística do galego e no recorte de liberdades individuais”.

Lonxe de tenderlle a man a unha oposición que cada vez ten máis argumentos para unirse contra un Goberno que non dá o brazo a torcer, o PPdeG opta pola confrontación, escudándose na axustada maioría absoluta que logrou hai dez meses e á que se aferra como se fose unha especie de "patente de corso".

(14.00 horas)
As persoas asistentes a manifestación abandonan a Praza do Obradoiro, ficando moita xente sen poder entrar.

(13.15 horas)
A plataforma Queremos Galego eleva ao 90% o seguimento da folga, mentres que a Consellaría de Educación fala de menos do 50%, segundo os datos provisionais facilitados polas súas xefaturas provinciais até as 12.00 horas. CC.OO apunta máis dun 70% de apoio, á espera de coñecer os resultados definitivos, mentres que a UXT resalta que o seguimento vai en aumento.

(12.59 horas)
A Plataforma de profesores en folga, nun comunicado, pídelle ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, que o diñeiro que lles sexa descontado se destine aos damnificados polo terremoto de Haití.

(12.51 horas)
Á cabeza da manifestación, tras unha pancarta en que se pode ler 'Paremos o decretazo contra o galego', están os responsábeis das diferentes entidades culturais e políticas que forman parte da plataforma Queremos Galego. O presidente da Mesa, Carlos Callón, celebrou a "resposta unánime" da sociedade fronte a aqueles que acusaron de "radicais" os defensores do galego, é dicir, aqueles que "reivindican que se cumpra a lexislación vixente" a partir da aprobación da Lei de Normalización Lingüística. Aínda que non avanzou datos de participación, destacou que a esta manifestación acudiron "máis autobuses" que á do pasado 18 de outubro, que congregou máis de 50 mil persoas.

(12.43 horas)
Asistencia masiva. Máis de cinco mil persoas xa están na Praza do Obradoiro, cando a cola da manifestación aínda non partiu da Alameda de Compostela.

(12.35 horas)
A manifestación deste xoves está a ter repercusión, ademais de na rúa, na internet. Numerosos blogs reflectiron durante os últimos días o rexeitamento dos internautas ao borrador do decreto do ensino e o seu apoio á folga e á mobilización, coa publicación do cartel protagonizado polos Bolechas. Así mesmo, pódense seguir en tempo real as reflexións e fotografías tiradas polos participantes na convocatoria a través de Twitter. A etiqueta #galego é o sinal que se está a empregar para denotar esta xornada.

(12.22 horas)
Aínda que a cabeceira comezou a andar hai case media hora, o groso da manifestación ateiga a Alameda de Compostela. Ambiente festivo, con xente de todas as idades, principalmente, pais e fillos. Pancartas de todos os sindicatos e representantes dos partidos da oposición. Entre outros: Pachi Vázquez, Mar Barcón, Pablo García, Xaquín Fernández Leiceaga e Carlos Fernández (PSdeG); e Guillerme Vázquez, Xosé Manuel Beiras, Anxo Quintana e Paco Rodríguez (BNG).

(12.04 horas)
Persoal laboral, docente e investigador da Universidade da Coruña (UDC) concentrouse a partir das 10.00 horas nas facultades dos campus coruñeses de Elviña, Riazor e da Zapateira e na sede do reitorado, e nos de Esteiro e de Serantes, en Ferrol.

O presidente do comité de empresa do persoal de Administración e Servizos, Xosé Manuel Portela, reclamou a retirada do borrador de decreto. Portela sostivo que, de aplicarse, os alumnos chegarían á universidade cunha "limitación" no seu dominio do galego e afirmou que "iso afectaría ao devir da educación superior".

Ademais, subliñou o papel da universidade "no proceso de normalización lingüística" e no "prestixio" do galego polo que considerou necesaria unha "resposta" da comunidade universitaria a este decreto, que o persoal convocante das concentracións cualificou, nun comunicado conxunto, de "antigalego".

(11.50 horas)
A manifestación de Compostela parte da Alameda paseniñamente. Tal e como adiantabamos, confírmase que ducias de buses están aínda intentando entrar na capital.

(11.25 horas)

A poucos minutos de que parta da Alameda de Compostela a manifestación central contra o 'decretazo' varios milleiros de persoas xa se concentran no centro da capital de Galiza. Segundo puido saber Vieiros, ducias de buses procedentes de todo o país aínda están intentando entrar na cidade. A pesar de ser un día laborábel, a manifestación de 'Queremos Galego' é xa un éxito rotundo.

(10.01 horas)
O centros públicos de ensino non universitario bótanlle este xoves o primeiro gran pulso ao 'decretazo' de linguas. A plataforma 'Queremos Galego' convoca un paro xeral en todos os niveis educativos ao que están chamados 35 mil profesores e 270 mil alumnos.

A primeira hora da mañá, o seguimento da folga está a ser moi elevado. Na maioría dos centros o seguimento é case total e os poucos que continúan a actividade académica fano baixo mínimos. Moitas familias optaron por non enviar aos fillos aos centros, aínda que todos manteñen o servizo para pais madrugadores.

Dende a CIG-Ensino, principal organización sindical do profesorado, Anxo Louzao confirmaba pouco despois das 10 da mañá que o paro estaba a ser un "rotundo éxito". Con datos aínda provisionais, Louzao daba por feito que o seguimento do paro entre o profesorado ía superar o 80%. Dende a CIG bótanlle en cara á Consellaría de Educación o labor desmobilizador que intentaron facer nas últimas horas: "Actuaron politicamente e non lles valeu de nada. O que teñen que facer é tomar nota e rectificar".

Dende o STEG, exprésanse en termos semellantes. Xosé Cabido sinala que a última hora do mércores xa tiñan a confirmación de que o seguimento entre o profesorado ía ser masivo: "Non temos dúbidas de que pode chegar ao 80%".

Especial seguimento nas comarcas

Aínda que o éxito do paro está a ser uniforme en todo o país, a folga está a ser especialmente secundada nas comarcas rurais que presentarían unha lixeira vantaxe de participación sobre as principais cidades.

Ás 11.30 horas está previsto que parta da Alameda de Compostela a manifestación central que concluirá na Praza do Obradoiro.


Ligazóns

4,87/5 (60 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Vídeo: Profesores, pais, alumnos e políticos opinan en Vieiros sobre a manifestación de Queremos Galego

Pasadas as 11.00 horas, a xente xa ateigaba a Alameda (clique para ampliar)
Pasadas as 11.00 horas, a xente xa ateigaba a Alameda (clique para ampliar)
A manifestación pouco despois das 12.15 horas (clique para ampliar)
A manifestación pouco despois das 12.15 horas (clique para ampliar)
Ambiente festivo na manifestación, con xente de todas as idades, principalmente, pais e fillos (clique para ampliar)
Ambiente festivo na manifestación, con xente de todas as idades, principalmente, pais e fillos (clique para ampliar)
A xente entrando na Praza do Obradoiro / Foto: Consello da Cultura  (clique para ampliar)
A xente entrando na Praza do Obradoiro / Foto: Consello da Cultura (clique para ampliar)
O secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, atendendo a cámara de Vieiros
O secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, atendendo a cámara de Vieiros
Representantes do BNG
Representantes do BNG