Convídao a "volver ao consenso, ao Plan de Normalización Lingüística". "Iso é o que ten que facer, máis nada, non demorar unha solución que lle pide a sociedade galega", proclamou.
O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, advertiu este xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, de que "canto máis tarde en retirar" o coñecido como decreto do plurilingüismo, "máis contestación" recibirá por parte da sociedade galega, que lle "demanda que dea marcha atrás".
En declaracións aos medios antes de comezar a manifestación contra as bases do decreto -que secundaron practicamente todos os membros da Executiva Nacional e deputados do BNG, ademais doutros dirixentes da formación frontista-, Vázquez destacou que a deste xoves constitúe unha "mobilización no ensino nunca visto na historia deste país" e asegurou que "volve pór de manifesto" que o decreto do PPdeG "ten que ser retirado xa".
"Dixémoslle a Feijoo que canto máis tarde en retirar a política lingüística, máis contestación social" recibirá, sinalou o líder nacionalista, que se preguntou "a que ten que esperar para se dar de conta de que o é absolutamente rexeitado".
Vázquez convidouno a "volver ao consenso, ao Plan de Normalización Lingüística" -aprobado en 2004 pola unanimidade do Parlamento na última lexislatura do ex presidente Manuel Fraga. "Iso é o que ten que facer, máis nada, non demorar unha solución que lle pide a sociedade galega", proclamou.