O portavoz do PPdeG avaliou en referencia aos líderes de PsdeG e BNG que "os Vázquez" reeditaron nesta manifestación a coalición que "Galiza rexeitou o pasado 1 de Marzo".
"Prácticas resumíbeis na frase o galego con sangue entra". Tal foi a consideración que o voceiro do PP, Antonio Rodríguez Miranda, lle adicou á que segundo el é a inspiración da mobilización deste xoves 21 de xaneiro na capital do país. Afirmou Miranda que Touriño "xa pagou a novatada de rirlle as grazas ao BNG" cando e que o novo líder dos socialistas "insiste en tropezar na mesma pedra".
Nese sentido, a presenza nesta xornada dos líderes de PSdeG e BNG "manifestándose xuntos a favor da política lingüística que os partidos que eles mesmos representan impulsaron dende o Goberno", é unha reedición, mais desta volta na oposición, dunha política "rexeitada nas urnas". De xeito concreto, segundo Rodríguez Miranda, a mobilización dos socialistas este xoves demostra que "o BNG segue sendo o brazo lingüístico do PSOE e a formación quedita a política respecto ao uso das linguas que defenden os socialistas galegos".
Na súa avaliación da manifestación, o PPdeG denuncia que a inmensa maioría da xente que asistiu á marcha "eran persoas que ou foron presionadas polos piquetes preventivos dos convocantes" ou persoas "cómodas co decreto de recorte de liberdades individuais á hora de escoller unha das dúas linguas oficiais de Galicia para expresarse". De paso, Miranda ironizou ao respecto do nome da plataforma convocante, á que se referiu como colectivo "Queremos impoñer o galego". Por último, insistiu en que o seu partido apostará pola promoción do galego "e por xerar afecto cara ela e non rexeitamento, como sucedeu en tempos do bipartito".