Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
LINGUA E POLÍTICA

Feijoo: a soidade diante da treboada

O Goberno afronta este xoves o seu primeiro gran pulso social. Máis de 35 mil profesores e 270 mil alumnos están chamados a un paro contra o 'decretazo'.

Ramón Vilar - 14:00 20/01/2010

Núñez Feijoo sabe que o alfombrado céspede político no que até o de agora xogaba comeza a se enlamar. Dez meses despois da vitoria electoral, o presidente afronta o primeiro gran pulso social. Este xoves a comunidade de ensino non universitario (35 mil profesores e 270 mil alumnos) está chamada a un paro xeral contra a reforma do decreto de linguas.

A caída do bipartito no primeiro exame que tivo que pasar diante das urnas desatou a euforia dentro das filas “populares”. O camiño semellaba achanzado para sucesivas maiorías absolutas que garantiran a indisociabilidade entre partido e goberno.

Ás poucas horas da vitoria xa había quen pensaba en “coutos maiores”. Rajoy puxo como exemplo Galiza e as visitas de Feijoo a foros e medios da capital española multiplicáronse. E se o dos Peares fose o mellor candidato para derrotar a Zapatero? O ruido xordo dos díxome-díxome percorreu os cenáculos políticos e empresariais do noso país. A prensa madrileña non dubidou en preguntarllo directamente. Feijoo xogou calculadamente ao despiste: A súa prioridade é Galiza e levar a Mariano Rajoy á Moncloa en 2012, repetiu nunha ladaíña de acomodado triunfador.

A tentación de mirar cara adentro
Mais o outono e o inverno estanlle a demostrar a Feijoo que por riba de Monte Pío pasan nubes e que algunhas derivan en fortes tormentas. A máis evidente está a ser a derrogación do decreto de linguas. O Goberno conseguiu o máis difícil: quedar absolutamente só nunha proposta política. Partidos políticos, sindicatos, organizacións sociais, institucións académicas, a propia Real Academia, advirten, con máis ou menos rotundidade, que se está a piques de cometer un erro histórico.

Feijoo como presidente teima en refuxiarse no seu partido, en non escoitar as voces unánimes que veñen de fóra. E aínda así, as labazadas tamén chegan dende o propio campo ideolóxico. Un exemplo ben sintomático é a entrevista na emisora madrileña Cope. No transcurso da mesma, a presentadora do programa non dubidou en acusar o presidente de “morno”. A xornalista, seguindo as teses de Galicia Bilingüe, chegou a botarlle en cara que non lle tivese dado unha capacidade total de elección aos pais, para que, por exemplo, houbese nenos que puidesen ser escolarizados integramente en castelán en Galiza.

O cambio radical na política lingüística pon a Feijoo na corda frouxa. O PPdeG sabía que era imposíbel que o nacionalismo  aceptase pasos que enfeblezesen aínda máis a precaria situación do idioma do país. Co que non contaban na Consellaría de Educación é que a proposta de “decreto de plurilingüismo” despertase tanta belixerancia na oposición “non nacionalista”.

Aínda que de portas para fóra o Goberno se esforza en apelar á axustada maioría absoluta e a reiterar que teñen a “lexitimidade das urnas”, en San Caetano aparecen as dúbidas. A primeira delas é a proposta de reservar un terzo das materias para a lingua inglesa.

Removendo os alicerces da casa común
Entre os representantes sindicais esténdese a opinión de que o Goberno podería intentar ceder unha porcentaxe de materias reservadas á lingua estranxeira para garantir que o idioma propio superase o mínimo do 33%. “Poden optar por un modelo 40-40-20% alegando que non hai recursos suficientes a medio prazo para levar adiante a política dos terzos”, prognostica un dirixente sindical.

Independentemente de cal sexa o desenlace, Feijoo está a piques de encaixar o primeiro gran revés político. A explicación, como afirma a RAG na súa análise, é que o presidente está a mover unilateralmente os alicerces da insitución que dirixe: “Galicia entende que é precisamente a lingua (e a cultura ou visión do mundo ou maneira de ser que ten detrás) a que xustifica a autonomía(....)Esta conciencia de que a Xunta de Galicia se sustenta neste feito diferencial ten dúas consecuencias: primeira, que a Xunta non ostenta en Galicia por delegación un poder foráneo, senón que é un Goberno galego; e, segunda, que os galegos esperan que o seu Goberno sexa o primeiro e inequívoco defensor da lingua galega”.


5/5 (43 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: