Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
WEB 2.0

As redes sociais, un tesouro para as empresas de márketing

Xorden empresas que analizan os datos publicados en webs como Facebook para dirixir campañas a grupos ou individuos concretos.

Redacción - 18:15 29/04/2009

A gratuidade das redes sociais pode non ser tal. Segundo informa Wired, a información que introducimos en webs como Facebook é un "tesouro" para as empresas que desexan coñecer os gustos dos seus eventuais consumidores.

Así, a compañia Colligent recaba nas redes sociais datos para venderllos a compañías discográficas, que determinan que grupos de idades ou admiradores individuais ten un determinado artista. E ese é só o comezo. Esta e outras empresas capturan todo o que se fai publicamente na web 2.0 para convertelo en información de márketing. De feito, Colligent xa está a buscar clientes alén da industria musical.

Nunca antes se dera a coñecer tanto da nosa información persoal e dos nosos gustos de consumo, ou cando menos non dun xeito tan ordenado e organizado. E, segundo o fundador de Colligent, Sree Nagarajan, esa información en liña reflicte de xeito bastante preciso as nosas vidas reais.

Segundo Nagarajan "o 95 por cento do que describes non é sobre a túa vida 'virtual'. Falas das túas afeccións dos teus intereses, do teu programa de televisión ou do teu grupo favorito". As redes sociais permiten valorar o número de persoas que seguen un determinado contido e mesmo a súa valoración. Isto supón un paso adiante con respecto aos estudos de audiencia ou de mercado tradicionais.

Os informes presentados por Colligent xa permitiron que, por exemplo, a discográfica Hollywood Records, da Disney, descubrise que os Jonas Brothers teñen máis fans latinoamericanos do que esperaba. Deste xeito, aumentou o orzamento publicitario nas comunidades latinas, co que conseguiu elevar as vendas do disco.

Pero as redes sociais, máis ca identificaren grupos, amosan as preferencias de individuos. As posíbeis campañas que se poidan dirixir a persoas concretas resultan preocupantes no que atinxe ao dereito á intimidade. Neste senso, Nagarajan lembrou que Columbia Records lles ofreceu unha edición de luxo do penúltimo disco de Bob Dylan aos 'superfans' do artista, único nicho de mercado dese produto.

Para o responsábel de Colligent, isto nun supón un atentado á intimidade, pois os fans de Dylan están ledos de saber do lanzamento do produto e fan público o seu gusto por iniciativa propia. Para Naragajan, se atopas información persoal usando un buscador, é lícito usala para crear bases de datos.

Moi diferente é a opinión de Marc Rotenberg, do Centro de Información da Intimidade Electrónica (EPIC.org), que afirma que a xente non ten por que saber que a súa actividade está a ser controlada dese xeito. Ademais, asegura, non hai límites ao que os comerciais poden facer cos datos recollidos das redes sociais.

A lección que extrae disto Wired é que, a cambio de obter información e entretemento de balde na forma de redes sociais, as empresas obteñen gratuitamente datos sobre quen somos e sobre o que nos resulta irresistíbel.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: