Moitas das aplicacións da web envíanlles automaticamente correos electrónicos aos contactos dos usuarios.
Os usuarios da web social Facebook reviráronse de novo contra a páxina. Despois da polémica causada por un servizo que ameazaba a intimidade dos internautas, agora é o correo non desexado o causante das queixas. Máis dun millón de usuarios xa se uniron a un grupo que pide que rematen os convites non solicitados a aplicacións da plataforma.
Facebook permite que os seus usuarios participen en centos de aplicacións como tests, xogos ou utilidades. Moitas destas aplicacións envíanlles convites a todos os contactos do interesado para que incorporen tamén o engadido, o que provoca a circulación dunha enorme cantidade de correos electrónicos descontrolados.
Aínda que Facebook engadiu algunhas melloras para reducir o spam das aplicacións, moitas veces provocado para favorecer os intereses dos seus creadores, os usuarios non se dan por satisfeitos e a protesta continúa, con cada vez máis xente que se une ao grupo.