Deteñen un delincuente en Nova Celandia logo de o recoñeceren na rede social. Dous casos similares sucederon en Australia nos últimos meses.
Imaxe difundida no Facebook
A Policía de Queenstown, no sur de Nova Celandia, publicou na rede social Facebook a gravación dunha cámara de seguridade así como fotografías do momento en que un home trataba de abrir a caixa forte dun bar este luns.
"O detido identificouse logo de que unha gravación e imaxes del fosen expostas no Facebook. Foi identificado por membros da comunidade que o viron no Facebook e tamén en televisión cando as imaxes do Facebook se emitiron nas noticias", informou o departamento policial no seu espazo na rede social.
Segundo os medios locais, o sospeitoso tirou o seu pasamontañas cando estaba dentro do local, polo que unha cámara de seguridade oculta puido captar a súa face. "Foi un rapaz moi parvo. A sala e ben pequena e vai moita calor", sinalou o encargado da taberna, Mel Kelly.
Máis casos
Non é a vez primeira que Facebook, a rede social na internet con máis usuarios, serve para dar con algún suposto delincuente. En novembro, cinco mozos marcharon correndo sen pagar dunha casa de xantar australiana, e o seu propietario con esta web logrou localizalos e cobrar a factura. Tamén en Australia, unha parella que non pagara a súa hipoteca foi interceptada grazas ao Facebook.