Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Na Audiencia Nacional

Arquivan a causa contra catro independentistas cataláns acusados de queimar imaxes do rei

Os cargos eran "inxurias á coroa" e "ultraxes a España". Aínda hai outra causa contra 16 persoas da campaña 'Jo també cremo la corona espanyola'.

Redacción - 19:00 22/10/2008

O xuíz da Audiencia Nacional española, Santiago Pedraz, arquivou a investigación contra catro mozos independentistas cataláns por queimar fotografías do monarca español durante unha manifestación, na Diada, o Día Nacional de Cataluña.

O fiscal denunciara os catro imputados por supostos delitos de "inxurias graves á Coroa" e "ultraxe a España", ao queimar tamén unha bandeira española. Porén, Pedraz deixou libres sen cargos aos catro militantes independentistas, por considerar que nin o informe policíaco nin as declaracións proban que participasen na queima. Se a Fiscalía española non recorre en tres días, o arquivamento será definitivo. O maxistrado da Audiencia Nacional tamén se declarou incompetente para investigar os cargos de "ultraxe a España", polo que remitiu a causa aos Xulgados de Instrución de Barcelona.

O delito de "ultraxe a España" pode ser castigado cun mínimo de sete meses de prisión (12, como moito), e o de inxurias graves á Coroa, con seis (tirando polo alto, 24).

"Se o fixésemos, habiámolo dicir"

Un dos catro imputados, Guifré Rodes, xa tiña explicado que el non queimara ningunha imaxe real: "somos militantes da esquerda independentista e estamos de acordo coa queima de bandeiras españolas e retratos do rei español, pero somos inocentes dos delitos dos que nos acusan". Foi esta mesma argumentación a que desenvolveron os catro mozos no momento de responder ás preguntas da súa avogada, Montserrat Salvados, xa que non responderon nin ás do xuíz nin ás do fiscal.

Cando saía da Audiencia, outro dos imputados, Marc García, revelou que se sentían utilizados: "usáronnos como cabeza de turco, buscaron as catro persoas que máis tiñan a man, cando había probas nas que se vía que non queimabamos ningunha fotografía". Neste sentido, denunciou o "exceso de celo dos mossos d'esquadra" na súa busca de culpábeis.

Na Audiencia Nacional aínda está aberto un outro proceso con 16 encausados, acusados de queimar fotografías dos monarcas españois durante a campaña 'Jo també cremo la corona espanyola' (Eu tamén queimo a coroa española), lanzada en solidariedade con Jaume Roura e Enric Stern, dous militantes independentistas cataláns acusados de inxurias por queimar, publicamente, varias fotografías do monarca español en 2007. Roura e Stern foron condenados, en xullo deste ano, a unha pena de prisión de quince meses, substituíbel por unha multa de 2.700 euros para cada un. O vindeiro xuízo será o día 29 deste mes.


Ligazóns

5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: