A queima de fotos en Girona e Molins de Rei podería levar a detencións e procesos por inxurias á coroa.
As manifestacións do sábado pasado en apoio a Jaume Roura, procesado por queimar un retrato dos monarcas, xa provocou a reacción do xuíz da Audiencia Nacional Fernando Grande-Marlaska, que pediu a identificación dos responsábeis da queima, mentres a Fiscalía agarda o informe dos Mossos d'Esquadra para abrir dilixencias e citar os implicados que se poidan identificar.
Tanto en Xirona, onde se xuntaron uns 300 manifestantes, como na convocatoria de Molins de Rei, á que asistiron ao redor de 100, leuse un manifesto e queimáronse fotocopias de fotos do rei, entre consignas independentistas e contra a monarquía.
O presidente do PP catalán, Daniel Sirera, acusou á Consellaría de Interior da Generalitat de inacción diante das manifestacións e a queima de fotos e anunciou que aproveitará o debate de política xeral desta semana para exixir ao president Montilla o cumprimento das leis.
Segundo a Consellería de Interior, o dispositivo montado pola policía autonómica, no que terían actuado axentes de paisano, pero non uniformados, era o oportuno para manter a seguridade. Porén, aínda non se confirmou oficialmente o número de persoas que poderían ter sido identificadas.
Os colectivos independentistas promotores das manifestacións de apoio a Jaume Roura teñen en marcha unha campaña de autoinculpación cuxo manifesto xa acadou 2591 adhesións persoais e 251 colectivas.