Comprar un produto con determinadas condicións laborais, velar polos dereitos dos traballadores, lexislar e dar exemplo... Jordi Pons, director de Setem Cataluña, fala da responsabilidade da cidadanía, das empresas e dos gobernos.
Todos sabemos que a nosa acción, individual ou compartida, ten eco nos nosos semellantes e na dinámica que guía a colectividade humana da que formamos parte. Non somos illas nin poderiamos vivir como tales. Pese a isto, custa que a nosa acción sexa consecuente e fainos falla lembrar que somos responsábeis dos impactos sociais, económicos, culturais e ambientais das nosas accións.
Somos responsábeis a título individual, como consumidores: o acto de mercar un produto ou un servizo ten repercusións no modelo de economía, de territorio, de cultura, de país e de mundo, no noso contorno próximo e no máis afastado. Detrás de cada produto hai unhas determinadas condicións laborais de produción, un impacto ambiental concreto, unhas relacións comerciais particulares... e as opcións que ofrecen o comercio xusto, o aforro ético, o turismo responsábel e os alimentos de agricultura ecolóxica e de proximidade están impregnadas dun compromiso social e solidario.
Identificamos tamén responsabilidades a nivel empresarial se somos propietarios, directivos ou pequenos accionistas. O sector privado ten unha destacada e obvia responsabilidade nas condicións de vida e de traballo da man de obra, tanto da localizada preto da súa sede como da que se sitúa a miles de quilómetros e en contextos xeográficos diferentes. Tamén é responsábel das condicións que sofren os traballadores das empresas que subcontrata, condicións directamente vencelladas aos prezos, aos volumes e aos prazos de entrega que impón nos seus pedidos.
As empresas, por outra banda, non poden vender un produto convencéndonos das súas calidades se, de feito, conteñen defectos na súa xénese, no proceso de intercambio comercial ou despois de ser consumido. É unha exixencia ética que un produto que quere ser bo sexa bo para todo o mundo, para quen o produce, para quen o consume, para a colectividade e para o ambiente.
Tamén é preciso exixir coherencia e honestidade ás empresas no seguinte: non se poden gabar de teren unha política de Responsabilidade Social e á vez presionaren os gobernos para a desregulación económica e para a rebaixa dos estándares, ou ben facer lobby contra a adopción de leis que buscan evitar abusos económicos e sociais e danos á saúde e ao medio.
Aquelas empresas que se presentan como socialmente responsábeis, con anuncios 'verdes' ou 'humanitarios' e con departamentos de RSE e memorias carísimas de papel 'couché' o día da asemblea de accionistas, pero que estabelecen axentes preto das fontes do poder e da lexislación (estatal, europea ou mundial) para impediren ou frearen a aparición de normativas garantistas, o seu discurso de responsabilidade social está tinguido dunha grande hipocrisía. E xa sinalamos o freo ou atranco ás normativas garantistas como podiamos indicar as xestións que fan algunhas grandes empresas para que a Unión Europea obrigue os países empobrecidos a abriren os seus mercados, a privatizaren os seus recursos naturais ou a aceptaren créditos a cambio de privatizaren os seus exiguos servizos públicos no beneficio destas mesmas grandes empresas.
A empresa socialmente responsábel é a que, de entrada, acepta que o sector público regule as condicións da actividade económica e a xustiza castigue as infraccións e, a partir de aquí, vai máis alá na súa auto-exixencia.
Finalmente están as responsabilidades dos integrantes dos nosos gobernos e parlamentos, como responsábeis da administración pública. Na liña do que diciamos, o poder político debe ter o deber ético fundamental de non abandonar a súa fucnión de regulación das actividades humanas para que o forte non abuse do feble. A súa intervención é vital para a xustiza e para a equidade, e non debe deixarse levar pola vaga de demagoxia que sustenta o actual proceso de globalización neoliberal. Como dixo o ex-ministro de Traballo estadounidense Robert Reich, a única garantía sobre a empresa é a obrigatoriedade da Lei, o control e a fiscalización: a voluntariedade non vale.
Por outra banda, a administración pública debe dar exemplo de responsabilidade social fixándose nas condicións que hai detrás dos produtos e servizos que adquire. O sector público é un dos maiores compoñentes da demanda, e a adopción dunha política de Compra Pública Ética ten moita importancia polas cifras que move e pola exemplaridade que comporta.
E aquí chegamos de novo á responsabilidade individual: pechamos o círculo lembrando que, ademais de sermos consumidores, somos cidadáns, e que as políticas públicas en xeral, e respecto á regulación da actividade empresarial en concreto, dependen do noso voto, da nosa acción cívica, da nosa opinión. Depende de nós que triunfen fórmulas de recorte de servizos públicos (sanidade, educación, transporte) ou de mecanismos de solidariedade (como son, a través de impostos progresivos á riqueza, os subsidios de enfermidade, vellez ou paro), e que os Estados occidentais respecten ou non a soberanía política e económica dos países empobrecidos.
Somos, para rematar, responsábeis das xeracións futuras e dos nosos semellantes con quen coincidimos no tempo pero non no espazo. Quizais nos fai falta un revulsivo ético, que alargue as fronteiras do que consideramos que é permisíbel e do que non o é.
Jordi Pons é o novo director de Setem Cataluña, en substitución de Toni Codina. Setem é unha entidade que dende hai anos promove a sensibilización para a participación e a mobilización e traballa cuestións de incidencia política en comercio Norte-Sur e en formación e asesoramento para a solidariedade e a cooperación.
Que podo facer eu?
Entra na web de Setem Cataluña para coñecer algunha das súas iniciativas, como a campaña Ropa Limpia, o programa Buen Café e o programa de Compra Pública Ética.
Máis información:
Setem Cataluña
Federación Setem
Outras noticias sobre responsabilidade social e consumo responsábel publicadas en Canal Solidario