"Sal na ferida" é o título do estudo de Amnistía Internacional que conclúe que os actos de tortura no Estado español son algo máis que casos illados.
Lucian foi detido o pasado mes de xullo en Barcelona por cinco mossos d'Esquadra que o confundiron con outra persoa. Lucian afirma que o golpearon na rúa, no coche de policía e na comisaría ata que chegou a unhas dependencias con vídeo-vixiancia onde alguén pronunciou a frase que o salvou: "Non lle peguedes máis, aquí hai cámaras".
Similares son os casos denunciados en 2006 e 2007 por Sandra, Jordi, Sergio, Daniel, Juan ou Javier. A tortura policial parece estenderse por todo o Estado español e nas denuncias das vítimas aparecen ameazas de morte dos axentes con pistolas, coitelos, azoutes nas plantas dos pés con látegos, golpes na cabeza, patadas, puñadas e insultos, até estando esposadas.
ONG nacionais e internacionais e diversos órganos de dereitos humanos da ONU e o Consello de Europa levan anos expresando unha gran preocupación polos casos de tortura e outros malos tratos inflixidos por policías no Estado español e pola impunidade dos responsábeis que se dá en moitos deles.
Sal na ferida
Amnistía Internacional fai público agora o seu informe (.pdf) "España: Sal na ferida. A impunidade efectiva de axentes de policía en casos de tortura e outros malos tratos" no que, tras anos de investigacións, constata que os casos de malos tratos seguen dándose no Estado español, que "non son casos illados" e que adoitan seguir un mesmo patrón.
O informe de AI sinala que as investigacións internas sobre torturas policiais adoitan ser inexistentes ou inadecuadas e adoitan ir seguidas dun rápido arquivo das denuncias xudiciais, até se hai datos médicos e outros indicios críbeis que as apoian.
Por enriba da lei
"Estas situacións seguen dándose pola falta da vontade política deste goberno e dos anteriores, que non cumpre os seus deberes estatais e internacionais cos dereitos humanos", afirmou Rachel Taylor, investigadora de AI para España.
Esteban Beltrán, director de AI-España, insistiu tamén na preocupación da ONG ante a falta de medidas das autoridades a este respecto e sinalou que até que o goberno español non adopte medidas efectivas para investigar as denuncias de malos tratos e pór a todos os responsábeis a disposición xudicial, os funcionarios encargados de facer cumprir a lei "estarán por encima dela".
Por iso a organización remitiulle ás autoridades unha serie de recomendacións que, ao seu xuízo, axudarían a impedir malos tratos e a pór fin á impunidade dos funcionarios encargados de facerlle cumprir a lei aos responsábeis destes actos.
Entre as medidas propostas destacan a necesidade de reformar o sistema de investigacións das denuncias de violacións graves dos dereitos humanos cometidas por funcionarios dos diferentes corpos de Policía e a de crear un organismo independente para este labor. Tamén se esixe a introdución das gravacións de vídeo e audio en todas as dependencias onde se atopen os detidos e a elaboración dunhas "regras de xogo" para a actuación dos policías en manifestacións, detencións e expulsións de inmigrantes.
Á Fiscalía Xeral do Estado, Amnistía esíxelle a creación dun rexistro de denuncias e datos sobre malos tratos policiais (España é un dos únicos cinco países europeos que aínda non contan con el) e a incoación inmediata de procedementos criminais sobre os policías sospeitosos de inflixir malos tratos.
E ás autoridades xudiciais, a ONG internacional reclámalles que garantan investigacións "prontas, exhaustivas e imparciais", ademais, de garantir condenas por malos tratos acordes á gravidade dos delitos.
O caso de Cataluña
A sucesión de incidentes nos últimos meses como o vídeo cos abusos na comisaría de Lles Corts, de Barcelona, a morte dun mozo logo da súa detención en Badalona ou o uso de armas prohibidas para deter o avance dun manifestación do movemento okupa, abriu o debate na sociedade catalá sobre o uso da forza por parte da Policía.
Nas últimas semanas o anuncio da Generalitat de xeneralizar o uso da videovixilancia en circuíto pechado en todas as comisarías e da creación dun comité independente de ética policial volveu reabrir o debate sobre se os corpos que miran pola seguridade da cidadanía deben ser precisamente os que estean especialmente vixiados.
Pero a intención do goberno catalán é clara: calquera denuncia de tortura, abuso ou malos tratos, será investigada. Unha boa noticia, segundo Jaume Asens, letrado da Comisión de Defensa do Colexio de Avogados de Barcelona. "Son medidas insuficientes aínda, pero é un camiño", afirmou Asens na presentación do informe de Amnistía.
Que sanción se lle imporá a estes policías?
O informe "Sal na ferida" vai acompañado dunha campaña de presión ao goberno coa que Amnistía pide o procesamento e sanción efectivos dos axentes que cometen malos tratos e torturas no Estado español. A través do envío dun cartón postal reclámaselle ao ministro do Interior que se faga xustiza ás vítimas de malos tratos policiais para que non persistan os abusos.
Canal Solidario