Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Máis de 150 países asinan contra estas armas

Entre 15 e 20 mil persoas morren cada ano por pisar unha mina

No Día Mundial contra as Minas, a ONU lembra que máis alá dos acordos de paz, a violencia das guerras segue matando civís.

Redacción - 09:00 04/04/2007
Tags: minas ONU

A maioría dos países do mundo ilegalizaron o uso e posesión de minas antipersoa por parte dos seus Exércitos. As únicas democracias occidentais que non as prohibiron son Estados Unidos e Finlandia. Outros países como China, Rusia, Irán, Israel, Corea do Sur e Corea do Norte continúan utilizándoas.

Segundo Unicef, as minas terrestres e os restos de explosivos que quedan tras as guerras seguen matando ou ferindo entre 15 e 20 mil persoas cada ano. A inmensa maioría destas vítimas son civís e un 20% menores de idade que sofren os efectos destes artefactos "anos ou mesmo décadas despois de que remate un conflito". Nalgúns países, como Afganistán, a maioría das vítimas son menores de 18 anos.

Segundo Unicef, os programas de acción contra as minas da ONU e a Convención de Ottawa contribuíron a reducir a cifra anual de vítimas, xa que hai dez anos morrían até 26 mil persoas anualmente por este motivo. Un informe da ONU revelou en 2005 que máis de 167 millóns destes artefactos permanecían almacenados en todo o mundo. Como explica Unicef, as minas terrestres seguen constituindo unha ameaza en máis de 80 países do mundo. Entre as nacións máis contaminadas polos artefactos sen estoupar aparecen Afganistán, Bosnia ou Colombia.

Este 4 de abril celébrase a segunda edición do Día Internacional para a Concienciación e a Axuda á Acción contra as Minas, estabelecido en decembro de 2005 pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas co obxectivo de informar sobre o perigo destas armas e avanzar para a súa erradicación.

Poden ampliar no Canal Solidario.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: