Que preguntas debería facer un cidadán ao depositar os seus cartos nun banco ou caixa? Banca ética, financiamento responsábel...
O director do colectivo Financiamento Ético e Solidario, FETS, respondeu ás preguntas dos lectores do Canal Solidario:
Como convencerías a alguén que está a dubidar en investir 6.000 euros para que o fixese nun banco ético e non nun grande, tendo en conta que é unha persoa corrente, é dicir, que o que principalmente lle interesa é o rendemento destes euros?
Realmente, cando falamos de cantidades financeiramente pequenas, como son 6 mil euros, se facemos catro números rápidos dámonos conta de que os posíbeis diferenciais entre o interese dun produto financeiro ou outro ao longo dun ano, son moi pequenos. Ademais, moitos produtos da banca ética ofrecen tipos de interese iguais ou moi similares aos da maioría de produtos da banca convencional.
Dito isto, o que debe atraer a un investidor socialmente responsábel, ético, crítico... é, en primeiro lugar, a capacidade de decidir e coñecer como se inviste o seu diñeiro para xerar ese interese financeiro. Só se é así podemos decidir que preferimos investir eses 6.000 euros nun proxecto local, responsábel medioambientalmente, que respecte unhas condicións laborais dignas da xente que traballa nel... en definitiva, que tipo de proxecto é o que estamos a axudar a promover cos nosos aforros.
As opcións para facer un investimento ético cada vez son máis e seguro que, se as coñecemos, poden resultar moi atractivas para os nosos intereses, non só os financeiros. Dito noutras palabras, dos nosos aforros podemos esperar moito máis que un interese financeiro e iso é o que debe atraer a un aforrador habitual, como o que me formulas.
Comentáronme que o diñeiro que ingreso nun determinado banco pode servir para fabricar armas ou prexudicar o medio ambiente. É iso certo? En caso afirmativo, é legal?
Témome que é totalmente certo e, ademais, fano sen informarche e sen o teu consentimento. As empresas que producen armamento e investigan no seu desenvolvemento, como as que teñen actividades prexudiciais para o noso medio ambiente, teñen investidores e reciben financiamento de moitas entidades financeiras.
O que pasa é que a diferenza do que se fai cos proxectos culturais ou socialmente interesantes, este tipo de inversión non se utiliza para mellorar a reputación dunha entidade financeira ou dun fondo de inversión. Por iso resulta moi difícil coñecelo. Hoxe en día existen xa empresas de rating que tentan dar datos que permitan orientar os grandes investimentos seguindo algún criterio responsábel ou ético, pero a mellor alternativa, se queres estar segura, é a banca ética. E legal... de momento, éo.
Gustaríame saber que di a actual lexislación referente ao tema das finanzas éticas.
Na lexislación española aínda non estamos presentes con nome propio, aínda que comeza a aparecer o concepto de inversión socialmente responsábel nas mesas de debate sobre o desenvolvemento da responsabilidade social. Nalgúns países europeos mesmo podes encontrar incentivos fiscais á inversión socialmente responsábel.
E nalgunhas mesas de traballo da Comisión Europea as finanzas éticas comezan a citarse como un elemento que contribúe á cohesión social. Pero, como en todo, a medida que a realidade avance, o corpo legal e político seguro que nos irá prestando máis atención.
Como se garante a solvencia dos bancos éticos e dos bancos de microcréditos? Nestes últimos, se só dan empréstitos a xente con poucos recursos cun proxecto de futuro, cal é a garantía de que o proxecto reverta no retorno do crédito?
En primeiro lugar debemos diferenciar entre as entidades que dan microcréditos e os bancos éticos. Os bancos éticos deben cumprir coa normativa establecida polo Banco de España igual que calquera outro tipo de banco. Deste modo, o tipo de garantía ou seguridade que ofrecen os bancos éticos aos seus aforradores ten a mesma natureza que en calquera outro banco. No caso das entidades que ofrecen microcréditos, o risco asumido é superior.
Digamos que se trata de fondos especialmente destinados a financiar proxectos de risco e, en consecuencia, que poden asumir certos niveis de impagos. No caso de entidades bancarias, os microcréditos acostuman a darse desde as súas obras sociais. É dicir, o fondo do que parten son parte dos beneficios de anos anteriores, destinados a financiar proxectos de risco financeiro e interese social.
No caso de entidades non bancarias que ofrecen microcréditos, acostúmase a partir de fondos doados ou de aforros que asumen este risco engadido. En calquera caso, acompañando un microcrédito sempre debería haber un acompañamento do proxecto empresarial para reforzar as súas posibilidades de éxito e, como non, de retorno do crédito. Xeralmente é así.
A entrevista completa no Canal Solidario