Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Traballo "autoxestionado"

"A policía ía desaloxar unha fábrica e atopou a xente traballando"

En 2001, a crise arxentina causou a creba de moitas fábricas. Os patróns abandonábanas, pero moitos traballadores decidiron ocupalas e traballar de xeito cooperativo. Velaquí as voces dalgúns protagonistas.

Silvia Torralba / Canal Solidario - 09:00 29/07/2007

A finais de 2001, moitas fábricas na Arxentina foron declaradas en creba e pecharon debido á gran crise económica que lle empezaba a afectar ao país.

En total pecharon unhas 18 mil empresas aínda que delas, 180 resistiron grazas á organización dos traballadores. A imprenta Chilavert é un exemplo. Oito dos seus traballadores decidiron ocupala cando o dono a declarara en creba e desde entón demostraron que se pode traballar de xeito autoxestionado e cun modelo asembleario, tendo en conta as necesidades dos traballadores.

Para explicar a súa experiencia e presentar a primeira publicación do seu selo editorial, Ernesto González, traballador de Chilavert, visitou Barcelona. Na súa viaxe acompáñalle Andrés Lofiego, fotógrafo que durante os anos de crises seguiu o proceso de recuperación de varias fábricas de Bos Aires e cuxas imaxes ilustran agora o primeiro traballo propio de Chilavert, o libro Non pasar. Unha mirada desde o traballo autoxestionado. O Canal Solidario conversou con eles.

En 2002, a empresa Gaglianone declarouse en creba e parte dos traballadores decidiron ocupala e seguir traballando.

"A crise xerou unha ruptura entre a legitimidad e o legal, e fixo que unha violación á propiedade privada, como era a ocupación dunha fábrica, fóra apoiada pola maioría do pobo"

Canal Solidario: Como ocorreu todo?
Ernesto
: Decidimos ocupar a imprenta para evitar que o dono levase a maquinaria no medio do proceso de creba. Responderon cunha orde de desaloxo contra os oito traballadores que ocuparamos a fábrica, e descubrimos até que no expediente que figuraba no xulgado non aparecía referencia ás principais maquinarias do taller, era coma se non existisen, había unha complicidade da estrutura da xustiza.

Os veciños viñeron axudarnos, esa foi a razón pola que puidemos resistir e soportar varios meses de acoso policial, porque dicían que ocupabamos unha propiedade privada. A noite que viñeron a desaloxarnos estabamos acabando de imprimir un libro que debía presentarse eses días. Por cada obreiro había un coche de policía con axentes. Fixemos unha mini-asemblea para ver que faciamos e decidimos continuar. Un veciño axudounos a sacar os libros que imprimiamos por un buraco que había na parede, e así os fomos distribuíndo e sobrevivindo.

Andrés: O particular neste caso é que o día en que o xuíz mandou a policía para desaloxar a imprenta, eles estaban traballando. Produciuse unha contradición, porque a policía ía desaloxar unha fábrica que se atopaba funcionando, ía desaloxar a unha xente que estaba traballando.

Finalmente a xustiza expropiou a imprenta e decidiu deixala nas mans dos traballadores, que a convertestes en cooperativa e no que vos chamades unha fábrica de portas abertas? Que significa?
Ernesto: Tras moita presión nosa chegou a solución legal e entón decidimos que a fábrica tivese un uso social. O primeiro que fixemos foi fundar un centro cultural, con actividades de todo tipo, talleres, espectáculos, nos que participan os veciños e voluntarios. Tamén temos un centro de documentación sobre empresas recuperadas que acumula información sobre este movemento.

Este ano creouse un colexio secundario para adultos, para os veciños do barrio que non puideron terminar a secundaria. Nesta primeira edición participaron 33 persoas, de xeito gratuíto.

E como funciona a cooperativa? En que se diferencia dunha fábrica non recuperada?
Ernesto: As decisións tomámolas por asemblea, todos temos dereito a voz e voto, e todos opinamos e propoñemos cousas. Obviamente tivemos que aprender cuestións técnicas, coma o cálculo de costos, pero tamén cuestións de organización e traballo.

Algunhas aprendémolas, pero outras tivémolas que que inventar porque era algo novo, por exemplo o xeito de manter a disciplina. Iso non o puidemos aprender de ningún lado porque tiñamos unha organización diferente, sen un xefe de persoal; así que entre todos decidimos que horarios facemos, en que condicións, tendo en conta as necesidades dos traballadores. Cando temos un problema axudámonos.

Unha vez un compañeiro partiu unha perna e estivo meses sen poder camiñar. O accidente foi fóra do traballo, pero podíalle pasar a calquera, e os compañeiros soportamos o seu traballo manténdolle as mesmas condicións na fábrica. Agora, dos 8 traballadores iniciais chegamos a 13. Antes os clientes eran poucos e empresas moi grandes, mentres que agora, por afinidade á nosa loita, adoitan ser pequenas editoriais e clientes a título individual, con publicacións de carácter político e social.


"Algunhas cousas aprendémolas pero outras as tivemos que inventar porque era algo novo, por exemplo o xeito de manter a disciplina"

A Lei local de Expropiación en Bos Aires favoreceu a recuperación de Chilavert. No resto do país existe unha normativa así que regularice a situación das fábricas autoxestionadas?
Ernesto: A lei rexe na cidade e a provincia de Bos Aires. Iso significa que outras moitas empresas do resto do país non teñen ningún acordo legal e aínda están en loita porque teñen ordes de desaloxo. Trátase dun tema lexislativo e por iso temos unha presión constante aos parlamentarios e facemos mobilizacións.

Andrés: En Arxentina hai unha lei que di que o Estado pode expropiar un ben privado no caso de que poida ser utilizado en beneficio da sociedade; é a través desa lei que unha fábrica en creba pode ser un ben social se a recuperan os traballadores. Os traballadores deben presentar o proxecto pero tampouco significa que automaticamente che dean a empresa, decídeo a xustiza.

As 180 fábricas que os traballadores recuperaron durante a crise, aínda funcionan?
Ernesto
: Durante a crise pecharon 18 mil empresas e 180 recuperáronas os traballadores, o que significa o 1%, unha pequena porción, e en diferentes experiencias. Cinco anos despois, todas se manteñen e moitas mesmo medraron. As fábricas repártense entre as grandes cidades do país: Bos Aires, Rosario e Córdoba. Fan todo tipo de actividades: metalúrxica, téxtil, alimenticia, automotriz e servizos.


Coa ocupación e a recuperación das fábricas, os traballadores dicían que o traballo era un ben social. Até entón ninguén o consideraba dese xeito?
Ernesto: Houbo unha ruptura con outra forma de pensar que se baseaba en valores máis materialistas, de egoísmo, individualista, consumista, todo o mundo se endebedaba, gastaba prata, podías ter un traballo máis ou menos seguro pero cada vez había máis desocupados, até que a situación explotou. Agora hai traballo, pero os salarios son baixos e trátase de dignificar o traballo, de ter un recoñecemento sindical.

Andrés: A crise do 2002 xerou unha ruptura entre a lexitimidade e o legal. O modelo capitalista dicía que legal e lexítimo eran o mesmo, pero coa crise viuse que non e empezáronse a cuestionar as actuacións do goberno elixido democraticamente, da policía e dos medios de comunicación. Esa ruptura fixo que unha violación á propiedade privada, como era a ocupación dunha fábrica, fora apoiada pola maioría do pobo porque era lexítimo, porque non podía ser que pechasen fábricas coa cantidade de desocupados que había. A conciencia do traballo coma un ben social xeneralizouse a partir desta crise, aínda que non se estendeu por completo no país.

'Non pasar', primeiro traballo propio de Chilavert

Cinco anos logo de poñer en marcha Chilavert publicades Non pasar, un libro que inaugura un selo propio para a cooperativa. Que queredes explicar con esta publicación?
Andrés
: Explicamos cinco casos que tratan de explicar como se puido dar a recuperación en case todas as fábricas. Moitos tiveron que ocupalas, resistir dentro bastante tempo antes de poder traballar. Nas fotos nótase a unidade que había nese momento nas fábricas e na rúa, pelexando. As imaxes van acompañadas de entrevistas que se fixeron o ano pasado ás persoas que aparecen nas fotografías. Antes de publicalo, o material discutiuse cos compañeiros da imprenta, para que fose unha obra colectiva.

E xa hai máis ideas para próximos traballos propios de Chilavert?
Andrés:
A publicación de Non pasar é un paso máis no noso labor como fábrica recuperada. Tamén queremos publicar un libro sobre a historia de Chilavert, e outro sobre a historia dun barrio que se asentou nun vertedoiro de lixo e, a través da organización, está logrando melloras para unha vivenda digna. E outro sobre a criminalización da loita popular. Son temas sempre desde unha liña social e que, durante o armado do libro, poden crear unha discusión política interna na imprenta.

Neste contexto, en que situación atópase nestes momentos Arxentina a nivel social?
Ernesto:
A situación de desesperación está máis acougada respecto de o que pasaba antes. Agora hai traballo pero soldos máis baixos, e o que está pasando é que se está acrecentando a diferenza entre ricos e pobres, a fenda social é máis alta. Tamén empeza a haber máis presión para o aumento de salarios, unha organización maior, a nivel de sindicatos, para reclamar estas melloras. O que pasou en 2001, a experiencia da democracia, as discusións asemblearias, quedaron na memoria colectiva e agora cada vez que hai unha loita non se soporta que haxa un dirixente que decida polos demais. Tanto para convocar como para levantar unha folga, primeiro deben consultar; é un valor adquirido.


4,75/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: