Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Espazo protexido para aves

PSdeG e BNG desbotan paralizar a creación da ZEPA da Limia

Acusan o PPdeG de "alarmar" aos agricultores, xa que o espazo protexido non levará consigo restricións aos usos agrarios.

Redacción - 11:00 17/10/2007
Tags: A Limia ZEPA

Os deputados socialistas e nacionalistas votaron este martes en contra dunha moción do PPdeG para paralizar a creación dunha Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) na Limia e acusaron os populares de "alarmar" á poboación da bisbarra cunha "campaña de intoxicación casa por casa", segundo a socialista Laura Seara.

A parlamentaria do PSdeG amosouse moi crítica cos populares e acusounos de "mentir con aleivosía" ao denunciar que a ZEPA levará consigo restricións aos usos agrarios. Fronte a iso, asegurou que en ningún caso A Limia será un espazo natural protexido e que continuará como chan rústico de protección agropecuaria.

Nese senso, a deputada nacionalista Tereixa Paz tamén salientou o compromiso do BNG co labor dos agricultores e reclamoulle ao PPdeG que retirase a súa iniciativa; os nacionalistas presentarán unha proposición non de lei para garantir a pervivencia e viabilidade das explotacións agrícolas e gandeiras da Limia nas mesmas condicións en que se atopan agora.

Fronte a iso, o deputado popular Roberto Castro denunciou que o Goberno di que a ZEPA non afectará ás explotacións "coa boca pequena", e considerou que a mellor ocasión para manifestar o seu compromiso cos agricultores da comarca era apoiando a moción do PPdeG, que avogaba por paralizar a declaración e levar a cabo xornadas informativas ao respecto.

Compromiso de Unións Agrarias

Por outra banda, representantes do sindicato Unións Agrarias informaron de que este martes mantiveron unha entrevista co conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, onde conseguiron "arrancar o compromiso de non declarar a ZEPA da Limia até que non se garantan os usos agrarios".

Neste senso advertiron da necesidade de revisar ambigüidades e erros de distintas normativas ambientais e de ordenación do territorio, para poder compatibilizar a protección ambiental cos usos agrogandeiros.

Unións afirmou que se quere desmarcar da politización deste asunto, promovida polo alcalde de Xinzo, e lembra que o sindicato non foi convidado ao acto de creación da plataforma contra a ZEPA, impulsada polo PPdeG.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: