Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
OS AGRICULTORES PROTESTAN ESTE VENRES EN OURENSE

Manifestación contra unha área de protección de aves na Limia

O Sindicato Labrego Galego ataca á Xunta por non negociar a nova ZEPA e di que perigan as colleitas. Os ecoloxistas de Adega destacan as axudas da UE.

M. Vilas - 13:52 23/08/2007
A ZEPA ocuparía parte da antiga Lagoa de Antela / Foto:SLG

A ZEPA ocuparía parte da antiga Lagoa de Antela / Foto:SLG

Agricultores da Limia van manifestarse este venres en Ourense convocados polo Sindicato Labrego Galego. O obxectivo é deter o proxecto da Xunta para montar unha zona de especial protección para as aves (ZEPA) nesa comarca.

O responsábel local do SLG, Anxo Pérez, di que o proxecto “caeu como unha lousa” sobre os agricultores limiáns. É que a aprobación da ZEPA imporíalles limitacións sobre o que e como poden cultivar.

Unha das principais preocupacións é o regadío, do que dependen as colleitas de patacas, cebolas, millo e, en menor medida, cereal. Pérez argumenta que a ZEPA impedirá a modernización dos sistemas de rego, unha das reivindicacións históricas do sector limián.

"Non estamos contra as aves"
A razón é que dúas das especies incluídas no proxecto son incompatíbeis co rego. “Nós non estamos en contra das aves, de feito somos nós os que estamos a coidar o seu hábitat”, explica o voceiro do SLG, que tamén advirte que, de ser aprobada a ZEPA sen o consenso dos agricultores, “a xente vai empezar a velas como algo prexudicial”.

Falta de diálogo na Xunta
O sindicalista tamén se queixa da falta de información por parte da Consellería de Medio Ambiente. Pérez asegura que a Xunta non enviou información oficial nin aos profesionais nin aos concellos afectados e limitouse a sacar o proxecto no DOG. Por iso reclama que se cree unha mesa de negociación e, ademais, que se amplíe o prazo dun mes que hai para formular alegacións.

Dende ADEGA tamén coinciden en que cómpre que a xunta “informe detalladamente do tema aos veciños da Limia e que se amose dialogante”. Os ecoloxistas aseguran que se están a difundir “rumores interesados que nada teñen que ver coa realidade”.

Adega destaca a chegada de axudas
Ademais destacan o carácter flexíbel da ZEPA, que, na súa opinión, viría acompañada de numerosas axudas da Unión Europea.

De non lograr os seus fins, o SLG prevé máis protestas. A primeira será a partir 11 horas do venres diante da Delegación de Medio Ambiente na capital das Burgas.


3/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: