Vieiros

Vieiros de meu Perfil


HAI QUE ROELO

De privilexios

12:30 24/07/2009

A arquitectura institucional vasca baséase no Estatuto de Gernika, defendido hoxe por quen non o apoiou no sea día, e incumprido en 36 materias aínda sen transferir, e sobre todo no Concerto Económico. O Concerto é a herdanza histórica que deixaron as provincias vascas e que se recuperou na Transición. Trátase da capacidade para recadar os impostos das facendas de Álava, Biscaia e Guipúscoa, una capacidade para recadar que teñen tamén en Navarra.

Non se trata de recadar por facerlle o traballo a Madrid, como pensan os centralistas máis integristas. Recádanse aquí os impostos porque as deputacións teñen esa capacidade. Con Madrid cúmprese ao cederlle anualmente o chamado Cupo, isto é, una porcentaxe dos tributos en compensanción polas cuestións que o Estado xestiona en Euskadi (policía, exército, FEVE, etc.). Ese Cupo está fixado, tras o último acordo bilateral Madrid-Vitoria, que data do goberno do PP, con Rato como ministro de Economía, no 6’24% do recadado.

O Cupo é un fixo e non depende do que se dispoña, sempre é a mesma porcentaxe. Polo tanto, as facendas recollen os impostos, xestionan os mesmos para ceder o Cupo e despois traspasan as respectivas cantidades aos Gobernos vasco e ao español.

Destacados dirixentes políticos de España foron sempre incapaces de comprender que é o Concerto e a bilateralidade que implica. Moitos deles, por exemplo Pasqual Maragall, considerárono un privilexio. Pero isto é como todo, se un pode recadar e non sabe gastar e investir eses recursos, será mal xestor. As cousas non se fixeron mal de todo, á vista dos resultados, entre outras cosas porque as cantidades recadadas foron sempre elevadas.

Pero agora estamos en crise, e a entrada de recursos nas facendas baixou un 20% no que vai de ano. Iso implicará una reducción obrigada en todos os orzamentos públicos das institucións vascas, porque o Cupo haino que seguir abonando de igual xeito. Agora habemos comprobar como o Concerto non é un ningún privilexio, senón una ferramenta que hai que saber empregar para que funcione. O PSE e o PNV semellan amosar vontade de acordo para expremer a tope os recursos, pero aquí haberá que apretar o cinto.

Curiosamente, a dereita sempre tivo máis respecto polo Concerto que moitos socialistas, que se beneficiaron del cando lles conviña e agora renegan, como Rosa Díez. Se ao PP galego lle interesaran as cuestións do progreso social e se preocupara polo avance do País, reclamaría nun novo Estatuto un sistema similar, que beneficiaría a Galiza moitísimo. Pero como están a satisfacer a aqueles que son como a costra que aniña baixo as rochas, pois nada. Apampemos logo.

4,4/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Dani Álvarez

Dani Álvarez

Naceu nas Pontes en 1977. Marchou para Euskadi estudar Xornalismo. Logo de licenciarse, comezou a traballar en Radio Euskadi. Na actualidade dirixe o programa radiofónico "Ganbara", de información xeral e debate. Canda Xabier Lapitz coordinou o libro "Proceso de paz en Euskadi. 20 voces por la normalización".



Máis opinións