Vieiros

Vieiros de meu Perfil


HAI QUE ROELO

O que veu de Recemel

10:30 05/06/2009

Coñecín a Xurxo Souto hai unha morea de anos. Escoiteino na radio coa mítica Tropa da tralla e pasoume por riba coma unha apisoadora. Nun medio tan vello como a radio é complexo atopar vías de aire fresco e propostas rupturistas e o rapaz este amosoume unha. Anos máis tarde coñecín a Souto en persoa aquí en Bilbao. Viñera, xunto con Uxía, a recoller un premio outorgado a Nunca Máis pola resposta cívica ante o Prestige.

Xurxo subíu ao estrado e meteulle ao público asistente unha tunda verbal das súas destacando os vínculos existentes entre vascos e galegos. Tal foi o impacto que, á saída, un vello vasco que traballara media vida no mar, achegouse a min con bágoas nos ollos tatexando e tratando de explicarme a emoción que lle fixera pasar o seu descurso.

A forza que desprende Souto vivina noutras ocasións: no Festival de Moeche alentando aos irmandiños, a entrevista que lle fixen para Radio Euskadi sobre Os Tamara, ou no Día de Galiza en Euskadi do 2007 en Ermua, cando dixo que vascos e galegos levábamos “moitos séculos ghastando pista”. Déronlle unha ovación poderosa, como di el, con Ibarretxe de primeiro, abraiado fronte a tanto despregue de lucidez. O Xurxo é típico nacho ao que envexas pola súa brillantez. Fala un galego fermoso, a súa mente vai por diante das súas palabras, e mira que fala axiña, e desde a radio transmite algo, non sei que, un feixe de cousas, todas emocionantes, todas vibrantes. Coma se meteras os dedos nun enchufe de Mencía, pulpo do que fura a gorxa e auga do río.

A noticia da fin do Aberto por Reformas deixoume esbandallado. Como me prestaba poñelo a tope no coche, meu. Aí, os Zenzar a mazo. Ou Marful. Ou Dios que te Crew. Eu que sei, calquera tema entraba á primeira contigo. Abríchesnos un mundo novo. Tiñámolo aí, diante dos fociños e non nolo deixaban ver.

Haberá quen pense que escribo isto porque colaboraba na Radio Galega. Que digan o que queiran. Todas as horas que pasei con el soubéronme a pouco. Non vos hai neste mundo moita xente á que admirar, pero Souto é un deles. Non lle chego nin ao calcaño, pero polo menos parte das nosas sementes saíron do mesmo sitio, de Recemel. E tamén temos a radio en común. A ver que inventas agora, meu. Sómosche unha pila de xente os que agardamos que sigas rozando o camiño. Apertas poderosas desde o extrarradio.

5/5 (26 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Dani Álvarez

Dani Álvarez

Naceu nas Pontes en 1977. Marchou para Euskadi estudar Xornalismo. Logo de licenciarse, comezou a traballar en Radio Euskadi. Na actualidade dirixe o programa radiofónico "Ganbara", de información xeral e debate. Canda Xabier Lapitz coordinou o libro "Proceso de paz en Euskadi. 20 voces por la normalización".



Máis opinións