Pararse un chisco a observar a realidade galega deixa sen folgos. Hai algúns meses, cando a Xunta aínda estaba nas mans de PSdeG e de BNG, alertei nun artigo das dificultades, cando non incapacidade, que tiñan estas dúas forzas de liderar o debate político e asentar opinión na cidadanía sobre aspectos que son chave de bóveda no noso desenvolvemento como País. Non é que non teñan ideas conformadas, é que son incapaces de transmitilas con claridade.
Se non acadaban os seus obxectivos cando estaban no goberno, non vos quero contar agora que se atopan na oposición e aínda se moven coma pitos sen cabeza, que diría John Benjamin Toshack. Durante o goberno compartido entre socialistas e nacionalistas había cuestións de interese social nas que o poder era incapaz de marcar terreo. Sempre o Partido Popular, coa inestimable axuda do seu brazo mediático, era quen de poñer temas enriba da mesa que facían sentir fondamente incómoda á Xunta, aínda que eses asuntos foran en orixe responsabilidade do PP. Velaquí algúns exemplos:
-O Gaias. Non sei se lembrades que ás beiras de Compostela había un monte que se estaba destruíndo para facer alí a Cidade da Cultura. A idea fora do PP no seu conxunto: orixe, deseño, prazos e execución. Cando o anterior goberno decidiu que se faría cun proxecto que superaba todas as raias do admisible, na sociedade xa callara a idea de que semellante invento fora cousa de Touriño e Quintana, con Ánxela Bugallo como última responsable. Hoxe ninguén se pregunta que pasa coa Cidade da Cultura.
-O TAV (malchamado AVE): durante os catro anos de PSdeG e BNG falábase seguido do tren de alta velocidade. Non sabíamos moi ben para que se quería, cal era o deseño e por onde se debían facer as conexións cos nosos veciños, pero había que falar del cada día. Repetíase que iamos ser os últimos en poder empregalo e culpábase de tal mal a Madrid e a Santiago. Pasaron as eleccións e nunca máis se soubo. Nin hai TAV nin se lle agarda. Tampouco sabemos que é o quere a actual oposición.
-Financiamento. Como explica de xeito brillante Pablo González Mariñas nunha entrevista n’A Nosa terra, Galiza tería claras as súas cifras se tivéramos aprobado un novo Estatuto, pero hai dous anos para a opinión publicada no País o Estatuto non lle importaba a ninguén e só debiamos ocuparnos dos problemas reais da xente. Agora resulta que os que teñen Estatuto renovado acadaron un bo financiamento e Feijoo non dixo nin que si nin que non ao proxecto. Iso si, o noso Presidente faise o simpático en entrevistas por Madrid día si e día tamén.
-O galego. Antes o problema eran as galescolas, a imposición e os impresos da administración. Agora seguen sendo, pero non sabemos cal é o modelo do PP. Sábese que fixeron unha enquisa á súa medida, pero pouco máis.
Podería citar máis casos, pero con estes abonda. A oposición é incapaz de facer chegar o seu discurso á xente, mentres o PP, que non ten proxecto para nada, está gobernando e semella que se lle perdoa todo.
Ou socialistas e nacionalistas comezan a empatizar coa cidadanía, a falar claro e a construír discurso, ou o PP aséntase para moito tempo. Xa vale de laiarse. Unha cousa é que nos queiran vender que o novo goberno é de tecnócratas, e outra que a oposición non sexa capaz de denunciar que en realidade son grises que non amosaron ningunha idea nin proxecto. Con esta oposición, calquera pode gobernar.
Naceu nas Pontes en 1977. Marchou para Euskadi estudar Xornalismo. Logo de licenciarse, comezou a traballar en Radio Euskadi. Na actualidade dirixe o programa radiofónico "Ganbara", de información xeral e debate. Canda Xabier Lapitz coordinou o libro "Proceso de paz en Euskadi. 20 voces por la normalización".