As cousas moitas veces son tal e como os medios de comunicación as contan, pero outras tantas non son da maneira que aos medios de comunicación lles gustaría que foran. A opinión publicada trata, en ocasións, de construír realidades ficticias ou semificticias cun obxectivo claro: influír no poder. Así ocorre agora con novo Goberno vasco, que ten unha corrente a favor que vai desde a Cope ata a SER, desde El País a El Mundo pasando polo Correo Español. Por que? Pois porque logrou conformarse unha alternativa ao nacionalismo, e iso supón o apoio unánime da prensa.
O novo Goberno busca desde o principio, case de xeito obsesivo, a diferenza con respecto ao anterior. A palabra “mudanza” é a máis empregada, incluso en cuestións nas que nada mudou. O lehendakari Patxi López fixou dúas prioridades para o seu mandato: a loita contra a crise e facerlle fronte a ETA. Como é difícil superar a xestión económico-social do PNV nos últimos anos, que situou a Euskadi nos primeiros postos nos indicadores de benestar europeos, a marca ponse na cuestión antiETA.
E aí non hai xogo limpo: primeiro acusouse ao anterior goberno de non poñer á Ertzaintza a loitar contra a organización, cando a realidade é que ETA está en Francia e só vén a Euskadi a cometer os atentados. Polo tanto, se non se investiga en Francia é imposible avanzar. O Goberno español reserva esa facultade á Policía e á Garda Civil, mentres que a Ertzaintza limítase a investigar a posteriori, é dicir, cando o atentado xa se cometera. Rubalcaba anunciou a semana pasada que agora “mellorará a comunicación coa Ertzaintza”, o que leva a preguntarse directamente se antes non se trasladaban os datos necesarios na loita antiterrorista. Non había confianza porque o goberno era nacionalista?
Iso revela un uso do poder moi endogámico: “se gobernan os meus, hai confianza, e se non, levo eu as cousas”. A mudanza presentouse con tal ilusión mediática que cando ETA cometeu o seu primeiro asesinato nesta andaina, moitos caeron da pola do carballo na que estaban subidos. Resulta que mudar, mudar, apenas mudou o goberno porque a paisaxe segue sendo a mesma.
Entón o lehendakari fixo un discurso moi duro contra ETA, que os xornais recolleron o domingo como se nunca se tivera feito. Outra vez tentando confundir, dirixindo a opinión cara que agora si hai contundencia antiterrorista. Cando Isaías Carrasco foi asesinado, o anterior lehendakari calificou o atentado de "barbarie”. "Se todos os asasinatos son rexeitables, asasinar a un home normal, da rúa, ten unha sobredose de covardía". “ETA púxonos de loito e rachou o corazón en mil anacos a toda a sociedade vasca". A Ertzaintza "traballa para deter aos autores deste bárbaro atentado". "Imos fartos de que ETA agreda ao pobo vasco asasinando aos nosos fillos, porque Isaías era un fillo do pobo vasco".
É lexítimo marcar diferenzas, e empregar as ferramentas do poder para tirar réditos, pero non se pode pedir unidade cando se acusa aos que estaban antes de ser impuros na loita contra ETA, porque as cousas non sempre son como nos gustaría que foran.
Naceu nas Pontes en 1977. Marchou para Euskadi estudar Xornalismo. Logo de licenciarse, comezou a traballar en Radio Euskadi. Na actualidade dirixe o programa radiofónico "Ganbara", de información xeral e debate. Canda Xabier Lapitz coordinou o libro "Proceso de paz en Euskadi. 20 voces por la normalización".