Vieiros

Vieiros de meu Perfil


HAI QUE ROELO

Con Aralar e ERC

09:30 02/04/2009

Hai tres venres dicía eu que o BNG e, polo tanto, o nacionalismo galego, se atopan nunha encrucillada na que teñen que tomar decisións: dereita ou esquerda, irmán pequeno ou mozo emancipado. E a primeira decisión xa está aquí, porque o mundo non remata nas eleccións autonómicas. En Xuño vólvese votar para Europa, e ante o custe que supón tirar un europarlamentario hai que buscar socios que permitan coller aire, e un escano se se pode. A situación en Catalunya e en Euskadi é complexa, e Galeuscat é un proxecto agora mesmo feble pola diverxencia de intereses entre os seus integrantes. CiU aínda non aclara que proxecto de futuro ten deseñado, e o PNV está dixerindo a perda do poder. Neste contexto o BNG recibiu unha oferta que é sedutora para boa parte da súas bases.

Eu xa sei o que van dicir algúns articulistas se, finalmente, o BNG asume entrar nunha coalición nacionalista de esquerdas con outras forzas peninsulares. Xa sei o que pensa Fontenla, o presidente dos empresarios, ao respecto (e fala el de “mercado persa” coa que está caendo!). Tamén sei o que vai dicir o Partido Popular e seguramente algún socialista. O que aínda non sei é como reaccionará o groso do electorado do BNG.

Se eu estivera na dirección do Bloque non me preocuparía polo que vaia dicir a maior parte da prensa. Iso é un indicador, pero cada vez menos relevante –entre outras cousas porque ano a ano véndense menos xornais-. Cando os nacionalistas facían o seu propio camiño mandábanlles que foran coma o PNV e CiU. Cando conformaron Galeuscat con eles, entón estas dúas forzas xa pasaran a ser do Eixo do Mal e daquela tampouco servía. E cando o BNG se aliñou co PSdeG pois resulta que fixera o que fixera non valía porque o cancro, para estes sectores, é o propio BNG. Así que mellor farán se dan iso por descontado.

Insisto na idea de que unha boa parte dos simpatizantes do Bloque observan con simpatía a ERC e Aralar. Dos cataláns republicanos dirase o que se queira, pero aí están, resultando decisivos en Catalunya e tamén en Madrid sen renunciar á súa identidade. Coñezo mellor o caso de Aralar: da man de Patxi Zabaleta están a formar unha nova esquerda abertzale afastada de ETA, con principios pero con pragmatismo.

Zabaleta viu hai nove anos que a estratexia armada só levaba a un destino: o desastre. Foise de Batasuna cun sector minoritario a facer loita ideolóxica e gañoulles primeiro en Navarra, despois en Iparralde e nas últimas autonómicas da Comunidade Autónoma Vasca tirou catro escanos. A lista de Nafarroa Bai que el encabezou foi a segunda máis votada nas autonómicas navarras de 2007. Ese verán puxo a Zapatero, Blanco e Rubalcaba contra as cordas ao negociar un acordo de goberno de xeito maxistral (incluso renunciando a entrar nel) en Navarra, para materializar o cambio que demandaran os electores. Blanco dixo que non, e ducias de socialistas racharon o carné ao ver como lles obrigaban a perpetuar a UPN no poder ante o medo do que dixera a dereita.

Hoxe Aralar é un referente do nacionalismo vasco de esquerdas, e Patxi Zabaleta mantén intacto o seu prestixio político. A súa proposta é aberto, razoable e con futuro. Ide á súa web e lede os textos. Hanvos sorprender. Parécense ao BNG? Ou mellor preguntado, seméllanse aos militantes do BNG? Iso dirano os votantes. Pero a min dáme que algo hai.

4,2/5 (41 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Dani Álvarez

Dani Álvarez

Naceu nas Pontes en 1977. Marchou para Euskadi estudar Xornalismo. Logo de licenciarse, comezou a traballar en Radio Euskadi. Na actualidade dirixe o programa radiofónico "Ganbara", de información xeral e debate. Canda Xabier Lapitz coordinou o libro "Proceso de paz en Euskadi. 20 voces por la normalización".



Máis opinións