Alega que o bloqueo do goberno español ao texto legal "lesiona as competencias" do país e causa "prexuízos" ao mapa financeiro.
O Parlamento presentou perante o Tribunal Constitucional a solicitude de levantamento da suspensión dos dez puntos da Lei de Caixas recorridos polo goberno español. A argumentación da Cámara baséase na "certeza" de que a suspensión derivada do recurso de inconstitucionalidade "lesiona as competencias" galegas e causa un "prexuízo evidente" a calquera estratexia encamiñada á "necesaria reorganización do mapa financeiro galego".
Na solicitude, reivindícase a capacidade normativa do país na defensa da constitucionalidade da Lei de Caixas aprobada polo Parlamento "no marco das súas competencias". O documento de alegacións ao recurso de inconstitucionalidade remitíuselle onte ao Tribunal Constitucional, segundo informou o Hórreo.
Nas alegacións, asinadas pola presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, analízanse "punto por punto" os argumentos legais que avalan a constitucionalidade dos 10 puntos recorrido polo goberno español perante o Constitucional. A presentación prodúcese despois de que a Mesa do Parlamento acordase o 2 de marzo defender a Lei de Caixas.