Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DEZ DÍAS DESPOIS DA ÚLTIMA REUNIÓN

A Xunta move ficha para negociar a Lei de Caixas

Envía unha carta ao goberno español cunha proposta alternativa para os cinco puntos rexeitados polo executivo estatal.

Redacción - 11:00 06/03/2010

Logo de dez días de inmobilismo por parte do goberno español, a Xunta decidiu mudar a súa estratexia. Feijoo non está disposto a apandar coa culpa pola falta de avances nas negociacións para a retirada do recurso de inconstitucionalidade sobre a Lei de Caixas e deu ordes aos conselleiros de Presidencia e Facenda para moveren ficha.

A Xunta remitiu así ao goberno español un documento cunha proposta para buscar un acordo nos cinco puntos da Lei que seguen en debate. O goberno aposta por modificar tres preceptos: os referidos a déficit patrimonial, o nomeamento e as incompatibilidades e prazos de renovación das cúpulas directivas. Para os outros dous puntos, propón acordos interpretativos, é dicir, non modificar o texto mais chegar a acordos sobre a súa lectura: sería no artigo que regula as maiorías dos acordos nas asembleas xerais e no que se refire aos orzamentos da obra social.

Atendendo ás últimas declaracións do Goberno, estas mudanzas non restarían competencias a Galiza nin alterarían o fondo da lei, unha norma que seguen a defender que cumpre con todos os preceptos constitucionais. Na mesma liña, a Xunta asegura no escrito que a súa intención é a de “negociar e aclarar todo o necesario” e non levantarse da mesa até que se consiga un acordo”.

Para cando a próxima xuntanza?
A Xunta entende que co envío desta documentación o goberno español non ten ningún motivo para adiar unha nova xuntanza. A asunción de mudanzas por parte do Goberno era unha das exixencias dos negociadores españois para volvérense sentar polo que, dado este paso, non terían máis desculpas que lle impidan convocar unha nova reunión.

Os conselleiros de Presidencia e Facenda, Alfonso Rueda e Marta Fernández Currás, reiterán que manteñen as súas axendas “a disposición do secretario de Estado” e urxen a que convoque, canto antes, un novo encontro “no lugar, data e hora que decida”, di o texto, “mesmo esta fin de semana”.


4/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: