Goberno e Estado continúan este martes as negociacións para a retirada do recurso de inconstitucionalidade contra dez artigos da norma galega.
Os intereses da Xunta son defendidos por Rueda e Fernández Currás
O futuro do sistema financeiro galego volve disputarse no cuadrilátero madrileño, nunha mesa á que volven sentarse dunha banda: o conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, e a conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás; e da outra o secretario de Cooperación Territorial, Gaspar Zarrías. Logo da última xuntanza, os posicionamentos están claros e a expectativa é que, ou ben haxa acordo, ou ben algún dos púxiles remate no chan do ring e os acontecementos se precipiten nos vindeiros días.
A Xunta acode á reunión coa disposición de facer “todo o que se poida” para intentar desbloquear a situación e conseguir que o Estado retire o recurso contra dez preceptos da Lei de Caixas, aprobada cos votos do PPdeG e do BNG no pasado mes de decembro. O propio Alberto Núñez Feijoo asegurou nos últimos días estar disposto a matizar os puntos en discusión, “sempre que non afecten no substancial o documento” e mesmo con certa sorna propuxo “copiar a lei andaluza” para evitar suspicacias do goberno español.
Pola súa parte, o Ministerio de Política Territorial xa contestou que “non se trata dunha cuestión de corta e pega”, senón “de algo máis serio”. Logo da última reunión, celebra a pasada semana, o Goberno e mailo Estado Español mantiveron continuos contactos telefónicos e intercambiaron informacións para concretar os avances producidos nas reunións xa celebradas. É por iso que desta xuntanza se agardan agora algunhas decisións definitivas, de tal xeito que a delegación galega xa adiantou que non acode cun ningún texto alternativo á lei.
Análise en Vieiros: