A ministra de Economía agarda mudanzas no documento “para adaptalo á Constitución”. A Xunta adianta que non cambiará preceptos vixentes noutras autonomías.
Salgado xa adiantou que agarda que a Xunta adapte a Lei de Caixas á Constitución
O taboleiro de xogo xa está sobre a mesa e cada equipo ten preparadas as súas fichas e estratexias para a que será unha difícil contenda. Xunta e goberno español séntanse este martes de Entroido a negociar sobre os puntos en conflito da Lei de Caixas, unha porfía da que dependerá a retirada do recurso do Estado ante o Tribunal Constitucional. O acordo vaticínase difícil á vista do enfrontadas que se manteñen, dende o inicio, as posturas de ambos xogadores.
O litixio Galiza-Estado decídese en dúas mesas. Pola mañá, a conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, participa na comisión bilateral co goberno español para abordar o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB). Pola tarde será a quenda do conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda quen, tamén acompañado de Fernández Currás, participará nunha segunda xuntanza sobre o tema específico da Lei de Caixas.
Expectativas intactas
Á súa chegada ao Consello da UE este martes, a ministra de Economía, Elena Salgado, asegurou: “agardo que a Xunta modifique a súa Lei de Caixas para adaptala á Constitución”. Sobre o posíbel recurso ao FROB limitouse a dicir que “evidentemente é unha opción”. Na mesma liña, nos últimos días as voces do goberno español subliñaron por activa e por pasiva a súa “boa disposición ao diálogo para acadar un acordo”, mais tamén reiteraron que non permitirán que a Xunta “se extralimite nas súas competencias” coa nova norma polo que, de manter os mesmos termos, pedirían a súa paralización.
Dende o Goberno galego anunciaron que tanto Currás como Rueda viaxan a Madrid “para defender a lei e a súa constitucionalidade”. A maiores, na súa carteira, levan o recurso contra o decreto que regula o FROB xa redactado, tal e como confirmou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. Segundo as súas últimas declaracións, a defensa galega susténtase nun informe que compara os artigos en cuestión polo Estado con artigos similares ou coincidentes doutras normas autonómicas: “non aceptaremos que o que vale para outras comunidades non valga para Galiza”, dixo o presidente en reiteradas ocasións.