Xulgan este venres os dous mozos detidos en 2007, acusados de "tenza de explosivos", e que nun primeiro momento a Policía vinculou coa suposta organización armada.
Un dos detidos, o 14 de Nadal de 2007
Ás 10.00 horas deste venres, na Sala do Penal sección cuarta da Audiencia Nacional, en Madrid, dará comezo a vista en que José Manuel Sanches Gorgas e Santiago Vigo Domingues serán xulgados, acusados dun delito de "tenza de explosivos". O Fiscal solicita unha pena de cárcere de oito anos, así como 10 de inhabilitación, para cada un deles.
A historia comeza o día 14 do mes de Nadal de 2007. A Garda Civil prendía de madrugada en Portosín dúas persoas -Sanches e Vigo- cando supostamente portaban nun coche un artefacto explosivo. Pouco despois detiñan outro mozo, o propietario do vehículo, que quedaría en liberdade catro días despois previo pago dunha fianza de seis mil euros.
No entanto, para Sanches e Vigo, o xuíz da Audiencia Nacional Fernando Grande-Marlaska decretaba prisión incondicional. A Audiencia Nacional apoñíalles tres delitos: un de "pertenza a banda armada", outro de "conspiración para cometer estragos en grao de tentativa" e un terceiro de "tenza de explosivos" co agravante de "posesión con ánimo de subverter a orde constitucional".
Durante estes case dous anos que os acusados levan en prisión preventiva, a defensa conseguiu a través de diversos recursos que os dous primeiros delitos fosen eliminados. O de "pertenza a banda armada" relacionábase directamente coa existencia dun grupo coñecido como Resistência Galega, algo que os tres rapaces de idades comprendidas entre os 18 e os 20 anos no momento do arresto negaron desde o primeiro momento.
Este dato, achegado pola acusación, baseábase na investigación policial. Fontes das Forzas de Seguridade do Estado aseguraban daquelas que estaba "claro" que os detidos estaban "directamente relacionados co ámbito radical independentista galego" e recoñecían que se podía "falar" da RG como "opción firme", en base á documentación incautada e ao seu xeito de proceder (cun artefacto explosivo caseiro composto de bombonas de cámping gas e un temporizador).
Cuestionamento da investigación
Porén, desde a propia Garda Civil, concretamente a Unión Federal de Gardas Civís, rebatía a maioría destas argumentacións, xa que reducían a "documentación incautada" a uns "artigos de prensa", e cuestionaban a investigación alegando que a detención se produciu "fortuitamente" e non nun "ambicioso plan" de prevención.
A operación chegaba logo dun ano, o 2007, en que se produciron varios ataques contra inmobiliarias e construtoras do país. O daquelas delegado do goberno español na Galiza, Manuel Ameijeiras, atribuía directamente á RG a colocación de explosivos nunha urbanización de Cangas e no polígono do Ceao, en Lugo, así como o incendio nunha máquina das obras do TAV en Compostela.
Xa en febreiro de 2008, tamén estourou unha bomba de escasa potencia nunha caseta comercial dunha urbanización, promovida pola empresa Fadesa, que se estaba a construír en Perbes (Miño). Segundo as Forzas de Seguridade do Estado, tamén esta explosión gardaría relación coas anteriores atribuídas á Resistencia Galega.
O avogado de Sanches e Vigo, Manuel Chao Dobarro, salienta a importancia de que decaesen as acusacións de "pertenza a banda armada" e de "estragos terroristas". "Partían dunha situación moi difícil, de cargos moi graves, que poderían supor penas de entre 50 e 60 anos de cárcere", sinala.
No entanto, lembra que cómpre ter en conta que non van ser xulgados no tribunal natural que lles correspondería por lei, senón nun tribunal, a Audiencia Nacional, encargado de casos excepcionais, onde "non se valoran conceptos estritamente xurídicos, senón tamén políticos".
Outra consecuencia favorábel da redución de cargos é que, aínda que por lei a prisión preventiva podía ser prorrogada por outros dous anos, "sería desproporcionado" que se fixese unicamente en base á acusación de "tenza de explosivos", asegura Chao Dobarro.
Como noticia de última hora, o avogado informa de que estiveron a piques de pedir a suspensión da vista, xa que debido a un erro burocrático xa subsanado -pensaban que José Manuel Sanches estaba no cárcere de León e non, como realmente é, no de Palencia- púxose en dúbida que este puidese estar presente no xuízo.
Sanches e Vigo veranse este venres por vez primeira desde hai máis dun ano -os seis primeiros meses compartiron a súa estadía na prisión de Aranjuez (Madrid), onde sufriron o acoso doutros internos e tamén supostas malleiras por parte de funcionarios. En caso de ser declarados culpábeis, a sentenza coñecerase entre unha e dúas semanas despois. De se decretar a súa absolución, sairían en liberdade nos catro seguintes días á vista.
Campaña de solidariedade e bus a Madrid
Arredor do proceso, desde a súa detención en 2007, o colectivo Ceivar realizou numerosos actos de solidariedade e manifestacións cos dous mozos. A campaña de apoio intensificouse nestas dúas última semanas con concentracións en diversas vilas e cidades do país, e que provocou, segundo denuncian, un intenso seguimento policial dos participantes, así como a apertura de numerosas sancións administrativas abertas pola delegación do goberno español na Galiza.
A campaña contempla ademais o desprazamento a Madrid en bus dun importante número de amigos e persoas voluntarias para lles dar apoio durante a vista. Ceivar, na súa web, informa de que "se está a ultimar a cifra de solidari@s que se deslocarán até a Audiencia Nacional para estaren presentes no xuízo", e animan a sumarse á viaxe.
O vehículo partirá de Compostela contra as 23.00 horas desta quinta feira, fará unha única parada en Ourense, ás 00.30 horas, e chegará a capital española á mañanciña. O regreso producirase unha vez rematado o xuízo, calculando que a chegada será arredor da media noite ou primeiras horas da madrugada do venres ao sábado.