Din que están "directamente relacionados co ámbito radical independentista galego". "Non prevén" máis arrestos, tras rexistrar este venres tres pisos en Compostela.
Un dos detidos, este venres
As Forzas e Corpos de Seguridade do Estado "non prevén" novas detencións tras o arresto nas primeiras horas deste venres de tres mozos que supostamente prevían colocar unha bomba en Portosín (Porto do Son, Noia).
Fontes próximas á investigación afirmaron que teñen relación cos atentados rexistrados nos últimos meses. Ademais, din que os rexistros domiciliarios emprendidos en tres pisos de Compostela remataron xa, e permitiron a intervención de "abundante información", tanto en formato dixital coma en soporte papel, que fixeron que o "groso" da operación estea finalizado.
Estas mesmas fontes admitiron como "claro" que os arrestados, menores de 20 anos de idade, están "directamente relacionados co ámbito radical independentista galego" e recoñeceron que "se pode falar" de Resistencia Galega como "opción firme", posto que así figura na documentación incautada. A documentación, afirman, permite "adiantar que as detencións achegan luz sobre feitos pasados", en referencia ás accións perpetradas "nos últimos meses".