A UFGCs nega a existencia desta organización como tal, e critica que se converta aos tres arrestados en 'vítimas expiatorias' para tranquilizar á sociedade.
A investigación oficial que se está a levar a cabo tras a detención de tres independentistas en Portosín e Compostela vincula a estes con Resistencia Galega e cos atentados dos últimos meses en lugares como Cangas ou Nigrán.
Basean as súas hipóteses na "abundante documentación incautada" en varios rexistros, tanto dixital como en formato papel, e o seu xeito de proceder (artefacto explosivo caseiro composto de bombonas de cámping gas e un temporizador).
Porén, a Unión Federal de Gardas Civís (UFGCs) rebate a maioría das argumentacións dadas até o de agora: Reducen a documentación incautada a uns "artigos de prensa" e afirman que a detención se produciu "fortuitamente" e non nun "ambicioso plan" de prevención.
Critican a Delegación do goberno español en Galiza
Consideran, ademais, que os apresados son "meros obreiros", e que coa súa detención non se desartella o "armazón orgánico" de Resistencia Galega, xa que como tal, "ese grupo non existe", polo que "non se resolven os últimos episodios violentos".
Ademais, acusan a Delegación do goberno español en Galiza de querer "vender a sensación de calma" para "tranquilizar" á cidadanía de que se colleu os responsábeis dos últimos atentados contra intereses inmobiliarios. Xa que logo, a UFGCs augura novos atentados se non se dá co "ideólogo da causa radical".