Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
40 anos da chegada á lúa

Un gran paso e unha enorme paréntese para a humanidade

Case 37 anos despois da última pegada humana no único satélite natural da Terra, a exploración espacial enfróntase tamén á crise económica.

Redacción - 12:30 20/07/2009
O módulo Eagle, no Mar da Tranqulidade, captado polo LRO / NASA

O módulo Eagle, no Mar da Tranqulidade, captado polo LRO / NASA

O 20 de xullo de 1969, o primeiro ser humano puxo o pé na lúa. Aquel "gran paso para a humanidade" acabou por ser, máis ca o inicio da exploración interplanetaria, nunha simple anécdota e noutro exemplo da competitividade entre os Estados Unidos e a Unión Soviética na xa rematada Guerra Fría. Ese feito converteu a axencia espacial estadounidense, a NASA, no referente mundial na exploración espacial.

En calquera caso, aquel fito histórico no que traballaron miles de persoas en todo o mundo tamén foi vítima das teorías conspiratorias. Nos días previos á efeméride, a NASA foi publicando diversas evidencias para 'volvernos convencer' de que si que se estivo no satélite natural da Terra. Así, a sonda LRO tirou fotos dos lugares onde permanecen intactos os restos das misións Apollo, grazas á estática climatoloxía lunar. As imaxes teñen pouca calidade, por non estar aínda o dispositivo na súa órbita definitiva.

Tamén se publicou a semana pasada os vídeos restaurados do primeiro paseo lunar. Infelizmente, a gravación orixinal, de alta resolución, perdeuse para sempre, o que podería dar lugar a novas especulacións.

Despois da última viaxe humana á lúa, en decembro de 1972, xa hai case 37 anos, a NASA xa está a preparar un novo programa, o Constellation, que podería culminar coa volta ao satélite no ano 2020. Todo depende do orzamento da axencia espacial, non tan prioritaria nunha situación de crise económica, e da decisión de Barack Obama. Fica pendente, aínda, que unha muller poña o seu pé na lúa.

Os países emerxentes, como China ou India, son os que comezan a apostar máis pola exploración espacial, quizais como un xeito de acadar prestixio internacional. E a Unión Europea, Rusia, os EUA, Canadá, Brasil ou Xapón seguen a traballar na Estación Espacial Internacional.

Outro aspecto que lle podería dar pulo á exploración da lúa sería a explotación dos seus recursos naturais. A presenza de uranio, por exemplo, podería espertar a cobiza humana.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: