Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Mirando ao ceo

Eclipse parcial de lúa

Poderase observar nas primeiras horas da noite deste sábado.

Redacción - 12:30 16/08/2008

Nas primeiras horas da noite deste sábado 16 vai ter lugar un eclipse parcial de lúa "de importante magnitude" segundo advirte o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, Xosé Anxo Docobo.

No eclipse de Lúa, debido á iluminación do Sol, a Terra proxecta tras de si un cono de sombra que, a súa vez, está envolto nun cono de penumbra. Antes de entrar na zona máis escura, a Lúa atravesará a parte penumbral e, nese intre, o satélite seguirá sendo visíbel totalmente. O eclipse sería total se entrase totalmente no espazo de sombra, pero nesta ocasión a Lúa só atravesará de xeito parcial este espazo.

Ao contrario que sucede coas eclipses de Sol, para a súa observación directa non será necesaria ningunha precaución. Se a climatoloxía acompaña, poderá seguirse con prismáticos e telescopios “sobre todo, nos momentos nos que a luz da Lúa chea non moleste”, apunta Docobo.

O feito de que a parte do disco lunar oculto pola sombra terrestre continúe á vista, con tons vermellos ou marróns, débese a que a atmosfera desvía parte da luz solar e esta incide sobre o satélite eclipsado.

O vindeiro ano poderán observarse dende a Península Ibérica, un eclipse penumbral e outro parcial de Lúa pero de escasa magnitude. No tocante aos solares, o próximo será parcial o 4 de xaneiro de 2011 e para contemplar un total haberá que agardar ata 2026.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: