Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Advirten os sindicatos

O ensino no rural resentirase se prospera unha nova circular de Educación

Os sindicayos tomarán medidas para evitar que a consellaría reagrupe até 20 estudantes de distintos cursos na mesma aula.

Redacción - 18:00 22/05/2009

O Sindicato das Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza (STEG) denunciou que unha circular emitida pola Consellaría de Educación terá como consecuencia unha drástica redución das unidades de ensino no rural. Segundo os seus cálculos, serán "centos" as que se suprimirán, e xa confirmaron a desaparición dunhas 60 na provincia de Lugo, da que xa se dispón de datos concretos, e a redución de arredor de 90 docentes. A nivel nacional, calculan que se poderían reducir máis de 200 unidades.

A circular esixe agrupar nunha unidade todo o alumnado dun mesmo ciclo cando o seu número total non supere as 20 persoas, tanto en Infantil como en Primaria. Na práctica, isto vai supoñer tamén a redución do profesorado en moitos centros, principalmente en zonas rurais.

Segundo explicou Xosé Cabido, nalgúns centros chegarase a perder a metade do profesorado. Ademais, a reagrupación do alumnado de diferentes niveis na mesma aula redundará nunha perda de calidade educativa e no empeoramento do nivel pedagóxico.

Ademais, esta circular contradí o programa electoral do PPdeG, que prometía unha ratio de 15 alumnos e alumnas por aula, e que agora ascendería a 20. Segundo STEG, a medida, que se presenta coa escusa de mellora pedagóxica, ten como único obxectivo reducir o gasto público derivado da redución de impostos posta en marcha polo Goberno.

STEG xa se puxo en contacto co resto dos sindicatos do ensino, que manifestaron a súa oposición á circular. O martes manterán unha nova xuntanza para decidir as medidas conxuntas de protesta que pretenden levar a cabo e coa que esperan contar coa colaboración de toda a comunidade educativa.

Neste senso, CIG Ensino xa expresou a súa preocupación polo feito de que unha das primeiras medidas tomadas por Educación sexa reagrupar nunha mesma aula alumnado de diferentes cursos e mesmamente de primaria. Coincide en que a medida é totalmente economicista e que redundará negativamente na calidade do ensino. Así mesmo, criticou que a circular non se dese a coñecer na Mesa Sectorial.

Por outra banda, o STEG, noutra xuntanza que manterá tamén o martes co conselleiro de Educación, incluirá esta reivindicación como primeira das que lle expoñerá a Xesús Vázquez.

Segundo indicou Gelo Portomeñe, para que Educación poida propoñer algún tipo de reagrupamento do alumnado sería preciso, en primeiro lugar, consensuar un ratio coa comunidade educativa e, ademais, poñer en marcha un plan de formación do profesorado para adaptar as súas metodoloxías ás necesidades dun alumnado de diferentes niveis educativos. Noutro caso, sería unha "auténtica salvaxada".


5/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: