"Non se desprende un compromiso claro pola escola pública, á que asiste perto do 70% do alumnado do Estado e do 80% do galego, nin recolle as expectativas e propostas da maioría da comunidade educativa, ben representada no Consello Escolar do Estado", opinan dende o Sindicato de Traballadores do Ensino de Galiza, "disto resulta unha proposta insuficiente e decepcionante, que a mobilización da comunidade educativa debe tratar de mudar".
"A equiparación que ao longo do articulado da Lei se fai entre centros privados concertados e centros públicos é un engano á cidadanía, dado que estes centros non son en absoluto iguais, nin reciben ao mesmo tipo de alumnado, polo que non se lles pode dotar dos mesmos medios humanos nin materiais", advirte o STEG, que conclúe da súa revisión do anteproxecto, que ademais mantén a concertación no ensino Infantil, que "desprende unha clara tendencia cara á privatización do sistema educativo".
Outro asunto preocupante para o STEG é a avaliación do alumnado en 4º de Primaria e 2º da ESO, que segundo avisan "pode acabar derivando en situacións estresantes para nenas e nenos e na creación de rankings comparativos entre centros que obrigue a estes a competir entre si".
Á biera, subliñan que o profesorado " é o motor de calquera reforma e mellora educativa", e que nese sentido, o proxecto do ministerio de Educación non recolle melloras nas condicións laborais e económicas do profesorado. Destacan tamén a ausencia dunha lei de financiamento "que acompañe a esta reforma e a estreiteza de miras do goberno ao querer manter o déficit histórico de infraestruturas do noso sistema educativo en comparación co do conxunto dos países europeos".