CCOO centra as súas reivindicacións para o curso escolar que comeza esta quinta feira no mellor funcionamento dos comedores.
O acceso de todo o alumando ao servizo de comedor é unha das reivindicacións dos sindicatos
O Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza (STEG) considera que a Consellaría de Educación "errou estrepitosamente nas súas previsións", na adxudicación de destinos de educación primaria para o curso escolar que comeza esta quinta feira.
Denuncian que "centos de profesores que aprobaron por Educación Primaria" as oposicións están a ser obrigados a impartir "especialidades para as cales non teñen a formación axeitada". Salientan neste senso, casos en Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe e en Educación Física.
Ademais, critican a redución de persoal docente, que lles afecta aos profesores interinos e ao alumnado das zonas rurais por cuestións demográficas; salientan negativamente a ausencia do decreto de Infantil; e rexeitan o ensino baseado exclusivamente no libro de texto.
Servizo de comedor
Tamén o sindicato CCOO quixo manifestar a súa posición de cara ao curso escolar 2008-09 que comeza esta quinta feira. Sobre todo céntrase en exixirlle á consellaría que "faga un esforzo" para cumprir da Orde de comedores de 2007, que estabelece a posibilidade de que todo o alumnado teña acceso a este "servizo complementario", mais "de carácter educativo" e "importante para a escolarización das crianzas".