Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
CO NOVO GOBERNO

O futuro da lingua e o aumento de concertos educativos, principais preocupacións para STEG

O sindicato tamén lamenta a ausencia de medidas máis comprometidas co ensino galego e a atonía á hora de abordar a cuestión da relixión na educación na última lexislatura.

Redacción - 19:35 06/03/2009

Malia que o goberno saído das urnas o pasado domingo aínda non tomou posesión, o Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza (STEG) cualifica o futuro de "incerto e preocupante". Este colectivo asegura que a Consellaría de Educación contará co seu apoio "cando as políticas potencien unha escola pública, galega, de calidade, coeducadora, laica e democrática".

Con todo, atendendo as declaracións de intencións do Partido Popular nos últimos días, o STEG xa adianta a súa posición contra a derrogación do Decreto da Lingua Galega: "a situación do noso idioma precisa do cumprimento deste Decreto e non facer do noso vehículo de expresión unha arma política deseñada dende Madrid". Doutra banda, tamén aseguran que actuarán con todos os medios dos que dispoñan contra o aumento dos concertos educativos: "para nós é un ataque frontal á escola pública e á súa calidade ao detraer medios económicos para un ensino privado". Nesta liña agardan que "o novo goberno cumpra a lei e deixe de subvencionar a aqueles concertos que segregan por sexo tal e como se comprometeu o goberno saínte".

Balance do goberno saínte
Con respecto ás accións do bipartito, o STEG lamenta a "ausencia de medidas máis audaces e comprometidas co ensino público galego", se ben recoñece que houbo algunha mellora, entre as que sinala: incrementos orzamentarios, valorización das políticas de coeducación, capacidade lexislativa na promoción da nosa lingua (aínda que con escaso cumprimento), mellora nas condicións sociolaborais do profesorado ou a eliminación do concerto a aqueles centros que segregaban por sexo.

Con respecto ás cuestións negativas subliñan a "atonía á hora de abordar a cuestión da relixión no ensino", a "falta de previsión nas ofertas públicas de emprego, que levaron ao paro a moito profesorado con 20 anos de servizo", e a "ausencia dun proceso de estabilidade para o colectivo de profesorado en condicións laborais precarias". Asemade, recordan "o intento de supresión da xornada única de xuño a setembro", que xerou numerosos conflitos.


Ligazóns

5/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: