A compañía formalizou a compra do 35,32% da eléctrica e agora está obrigada a lanzar unha OPA por todo o capital.
A compañía gasística xa formalizou a compra do 35,32% de Unión Fenosa ao grupo de empresas da construción ACS, tal e como se acordara no contrato asinado no pasado mes de xullo. Superado este trámite, Gas Natural xa acadou unha participación de control da eléctrica do 50,02% e agora está obrigada a lanzar unha OPA por todo o capital.
Segundo informa Gas Natural, xa comunicou esta situación á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), a quen solicitará no prazo de cinco días a autorización para a OPA, para poder completar a compra de Fenosa no prazo máis breve posíbel. Esta operación dirixirase sobre os 456,8 millóns de accións que representan o 49,98% do capital que aínda está fora do seu control e a previsión é que o prezo da oferta sexa de 18,05 euros por acción, o mesmo que abonou a ACS.
Paso a paso
O pasado 30 de xuño Gas Natural adquiriu o 9,9% de Unión Fenosa a ACS. Posteriormente, o 12 de decembro mercou o 4,72% que posuía Caixanova, ao que agora suma o 35,52% que formalizou este xoves. Ademais, a gasística ten asinados outros instrumentos financeiros e compravendas a prazo que lle dan dereito a adquirir o 10,45% do capital de Fenosa e que serán executados logo de liquidar a OPA. Con este último paso, Gas Natural continúa coa súa intención de compra, logo de recibir as aprobacións das autoridades reguladoras, segundo o calendario previsto cando se anunciou a operación no pasado mes de xullo.