A caixa galega vendeu o 3,5% do capital da eléctrica que posuía. Tras a primeira saída de Caixanova, e agora esta segunda, só queda no accionariado o Banco Pastor.
Unión Fenosa vai quedando, aos poucos, sen socios galegos. Esta sexta feira Caixa Galicia anunciaba a súa saída do accionariado da compañía eléctrica, ao desprenderse do 3,5% do capital que posuía, en varias operacións realizadas entre marzo e decembro de 2008, coas que obtivo 248 millóns de euros en plusvalías.
A caixa galega levaba 18 anos no accionariado de Unión Fenosa, onde, despois da saída de Caixanova -que non agardou pola OPA de Gas Natural, e vendeu o seu 4,7% en decembro, conseguindo 465 millóns de euros en plusvalías-, a única participación galega na eléctrica é a que aínda mantén o Banco Pastor.
Esta entidade foi, de feito, unhas das fundadoras de Fenosa, e na actualidade ostenta do 1,86% das accións da compañía, das que se ha desfacer cando se materialice a oferta de Gas Natural. O Pastor xa vendera o ano pasado o 1,11% da súa participación.