A Xunta animou a mercar accións, para ter "peso específico" na entidade. Os xa accionistas do país non prevén, polo de agora, aumentar a súa participación.
A empresa ACS revelou, esta quinta feira, que está a considerar vender a participación do 45,5 por cento que ten como accionista de control de Unión Fenosa para "concentrar os seus esforzos en consolidarse en Iberdrola", eléctrica da que é primeira socia, cun 12,4 por cento do seu capital.
Ante esta noticia, a media sesión na Bolsa, as accións de Unión Fenosa subían un 15,41%, até 13,48 euros. Á parte da suba da eléctrica, provocada, sobre todo, pola prima asociada á entrada dun novo grande accionista, tamén se disparou a cotización de ACS, cuxas accións subían un 8,47 por cento, até os 30,74 euros.
Fernando Blanco anima ao capital galego a "aproveitar a nova oportunidade"
Ao saber da noticia, o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco animou ao capital galego "a aproveitar a nova oportunidade" para que Galiza teña "peso específico" na eléctrica. Blanco dixo ser consciente de que o capital do país non pode ser maioritario, pero afirmou que é "perfectamente asumíbel" que ao 10 por cento que suman na actualidade Caixanova (5%), Caixa Galicia (Algo máis do 3%) e Banco Pastor (case un 2%), se lle engadise outro 10 ou 15 por cento, porque, segundo dixo, hai capital galego interesado en entrar no sector enerxético.
Por outro lado, os xa accionistas de Unión Fenosa galegos (Caixanova, Caixa Galicia e Banco Pastor) revelaron que, de momento, non prevén aumentar a súa participación na entidade. Ademais, o empresario Amancio Ortega, máximo accionista de Inditex, non estaría de momento interesado en entrar en Fenosa despois de intentalo en setembro de 2005 xunto a San José e Caixanova. Fontes do sector consultadas por Europa Press, aseguran que nesta ocasión Ortega, a través da sociedade Puente Gadea, non ten intención de aproveitar que ACS cavila desprenderse do seu 45% de participación na eléctrica.