Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
FRAN GÓMEZ PALLAS, PILOTO DO DAKAR

“Tratábannos coma estrelas de rock: mesmo nos paraban para facer fotos”

A obsesión coa chegada a Bos Aires fixo ao bergantiñán correr cunha man rota durante oito duras etapas.

Pablo García Martínez - 19:15 22/01/2009
Fran Gómez Pallas abala unha bandeira galega para celebrar a súa chegada a Bos Aires

Fran Gómez Pallas abala unha bandeira galega para celebrar a súa chegada a Bos Aires

Ao día seguinte de volver ao país Fran Gómez Pallas atendeu a Vieiros para contarnos como correu a súa sexta participación nunha das probas de motor máis duras do mundo. Malia o abrupto percorrido, Pallas conseguiu rematar por terceira vez o rally Dakar, e agora só pensa en descansar.

Comezaches a carreira rodando sempre entre os 50 primeiros, mais perdiches posicións despois da quinta etapa. Cal foi o motivo?

A causa foi unha fractura no escafoide do seu pulso esquerdo. Foi unha mágoa, porque até o momento estaba a cumprir as miñas pretensións estando entre os 30 ou 35 primeiros.

De que xeito se produciu esta caída?
Foi rematando a quinta etapa. Sufrín unha caída e golpeei a man contra unha pedra. Ao pouco tempo xa comezou a inchar e logo non podía mover a man, polo que fun con ela vendada para que se mantivera tesa durante o resto do camiño.

Como conseguiches aguantar 10 días máis de carreira?
Tomei moitas medicinas e incluso tiven que ir infiltrado nunha etapa. No resto levei sempre fortes vendaxes que me mantiveron a man inmobilizada. Para non forzala incluso cambiaba de marchas sen utilizar o embrague. Se a organización vise como teño a man non me habían deixar continuar na carreira, e por iso atendeume o médico privado dun dos equipos.

Vendo como se deron as cousas supoño que rematar é todo un éxito, non é?
Estou contento, por ter rematado na situación en que estaba e máis aínda se penso no complicado que foi. Volvo para a casa co recordo de estar cos de adiante, entre os 35 primeiros, antes de ter a caída. Este é un rally moi ingrato e calquera descoido pode deixarte fóra.

Nas edicións anteriores unha das maiores diferencias era entre a xente que corría cos equipos oficiais e os que o faciades cos vosos propios medios. Isto foi de novo determinante?
É o día e a noite. Eu ao principio tiña un mecánico que partillaba cun piloto de quads, mais o desafortunado accidente dun compañeiro obrigouno a adicarse a outras cousas tras acompañarme durante só tres etapas. Despois era eu mesmo quen preparaba a moto e iso tamén se nota porque che quita moitas horas de descanso.

É o primeiro ano que a carreira transcorre fóra de África. Como valoras este percorrido que vos levou por diferentes
paraxes de Arxentina e Chile?

O percorrido escapou ao control da organización. Era moi duro. Facías todos os días 700 quilómetros nos que tiñas que estar a tope. A dureza extrema viuse no feito de que había días en que quedaban fóra 30 ou 40 motos, e rematamos a carreira menos da metade dos que comezamos na miña categoría.

Que opinas da organización da carreira?
Coido que ao facerse noutro continente estaban un pouco desorientados. Mesmo tiveron que cancelar unha etapa para reagrupar xente e non quedarse con tan poucos pilotos. No outro lado está o trato da xente, que foi excepcional en todo momento: tratábannos coma estrelas de rock, parabas a moto e botabas unha hora falando e sacándote fotos.

Supoño que despois de seis edicións xa estarás pensando na do 2010. Onde pensas que se vai celebrar?
Agora os arxentinos e os chilenos queren que siga alí, pero eu penso que se vai volver até África e máis concretamente a Exipto. Eu agora o que quero é descansar, e dentro dunhas semanas xa volverei a coller a moto.


3,8/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: