Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
FRAN PALLAS, PILOTO DE MOTOS

"O Dakar é o soño de todos os pilotos que lles gusta a aventura"

O piloto bergantiñán está a fechar os patrocinios que lle permitan acudir ao rally Dakar, que se celebrará este ano en Arxentina e Chile. Vexan o vídeo no interior.

Isabel G. Couso (vídeo) / Pablo García Martínez (texto) - 09:00 20/11/2008
As corredoiras de Carballo probaron a bravura do piloto do lugar

As corredoiras de Carballo probaron a bravura do piloto do lugar

Fran Pallas recibiu a Vieiros na súa casa, ao carón da praia de Baldaio, en Carballo. Antes de montar a cámara falounos sobre o rally e a situación actual na que se atopa o seu proxecto. Mentres empurra a moto apagada para colocala nun lugar con boa luz, fálanos dun compañeiro que perdeu hai varios anos no Dakar por mor dun accidente. De súpeto detense e vírase cara a nós para, encollendo os ombreiros, ceibar o que para el debía ser unha pregunta retórica: "Pero que lle vas a facer?" A paixón pola adrenalina é mala de entender para aqueles que a agochamos detrás do medo ou, simplemente, non a experimentamos.

Mais Fran explícanos que o Dakar é diferente, un espazo onde o contacto cunha natureza descoñecida, en condicións de provocada necesidade, crea situacións nas que a propia vida dos participantes chega a correr un serio perigo. Sorrí coma un neno cando nos explica a compoñente humanitaria que rodea o rally do que leva anos namorado. O feito de que as ameazas de Al Qaida obrigaran a suspender a edición do 2008 e a levar a vindeira cara a América magoa a Pallas, un entusiasta do continente africano. Á volta de isto ponse serio para sentenciar que "África é a maior prexudicada desta situación".

Non deixa de boquexar sinceros sorrisos nin sequera cando relativiza os riscos que corren os pilotos do Dakar. Pallas crea un clima cómodo que se racha por un intre cando comeza a bruar a enorme KTM de 660 centímetros cúbicos. Despois de agasallarnos con algunha filigrana polas pistas próximas á praia volve a detallarnos a situación actual dos patrocinios que segue a procurar: "Agora xa non paga a pena volver atrás. Tratarei de xuntar a maior cantidade de diñeiro posíbel e o resto sae do meu peto".

Despedímonos e saímos en dirección a Carballo mentes Pallas deixa todo listo na súa casa de recreo. Poucos quilómetros despois adiántanos e o teito solar do seu BMW brilla baixo un sol bravo que nos recibiu no comezo deste raro outono. Toca a bucina e saúda coa man por fóra da xanela antes de perderse nun horizonte composto de enrevesadas curvas debuxadas sobre o irregular trazado dunha vella estrada comarcal. Pallas acelera con rumbo a Bos Aires.


4,2/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: